ConcellosO Barco

O Barco aproba o convenio con Adif para un novo paso baixo a vía férrea

Este punto saía adiante no pleno de novembro, pero a oposición non o respaldaba atendendo aos reparos que poñían os técnicos municipais

 

Na tarde do 2 de novembro sometíase á aprobación do pleno do Barco o convenio entre Adif (Administrador de Infraestruturas Ferroviarias) e o Concello para a mellora da permeabilidade do ferrocarril da liña Palencia-A Coruña ao seu paso pola vila, coa construción dun novo paso baixo a vía. “Levabamos un tempo intentando arrancar esta obra que completería a permeabilidade da vila, trátase de ampliar ese paso soterrado que hai á altura da rúa Xirimil e chegounos hai pouco tempo esta proposta de convenio, que é urxente que asinemos porque é importante que o convenio volva ao Adif para que sexa incluído nos orzamentos do 2024 do Goberno de España”.

Esta actuación ten un orzamento de 1.055.403,44 euros (IVE incluído) e sería financiada a partes iguais entre o Concello (436.117, 12 euros +IVE) e Adif. “Esta é unha das grandes obras que se leva anos esperando porque facilitará esa permeabilidade e sobre todo a seguridade. E co que se vai asinar con este convenio, o paso actual quedaría como paso de peóns, e o novo paso soterrado sería para uso exclusivo dos vehículos. Dese xeito ganaríamos tanto nesa permeabilidade como na seguridade dos peóns”.

Pero a proposta non lograba o apoio da oposición. O concelleiro do BNG, Suso Vilasánchez, sinalaba que “non imos apoiar isto, pero non porque non creamos que non sexa necesario, senón porque iso é unha especie de aluguer de catro anos. É como se fixeramos un piso e lle dixeramos ao dono do terreo, ti fai un piso, nós pagámosche a metade, déixanos estar catro anos e, cando pase ese tempo, revisamos o convenio. Porque iso é de Adif e seguirá sendo de Adif. Entón entre iso, e que hai que aprobar plurianualidades de gasto, e que despois o informe do secretario di que o expediente no reúne os requisitos legais e enténdese incompleto e debe ser devolto ao órgano tramitador, e que é un convenio que non se axusta á legalidade… Pois nós non o queremos así, propoñemos que se devolva ao órgano tramitador e que se corrixan as deficiencias”.

 

 

Pola súa banda, o PP, a través do seu voceiro Manuel Núñez, expresaba a súa abstención “primeiro porque non estamos de acordo en levantar os reparos de intervención, e segundo polo que di intervención, que sinala moi claramente que hai que facer as cousas doutra forma. As presas non son boas e ao final isto vainos levar a un calexón sen saída. Se mañá Adif di que iso é deles e o pecha, péchao”.

O alcalde, Alfredo García, respostaba que, “primeiro, non hai prisas, porque levamos dous anos con este tema. E, segundo, este é un convenio que é igual que o que aprobamos cando fixemos o paso peonil ao tanatorio. É o modelo que manda Adif aos concellos que queren facer obras con eles para facer actuacións baixo a vía. A eles dalles igual, teñen onde investir 500.000 euros, sóbranlle sitios. Como alcalde non podo permitirme o luxo de dicir que se devolva o proxecto. O meu grupo de goberno e eu non podemos permitirnos dicirlle aos veciños que esta obra, que é fundamental para O Barco, non se vai facer. E ninguén nos vai botar de aí porque nós xa fixemos un paso soterrado na vía do tren para eliminar un paso a nivel con barreiras, nós non recibimos esa obra, segue sendo de Adif, e non nos botan de aí”.

 

 

Tamén resultaba aprobado só cos votos socialistas unha segunda addenda modificativa do convenio coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil para a realización sobre o financiamento, execución e entrega das obras de construción da senda verde e zona de esparexemento da marxe esquerda do río Sil. “Simplemente se trata dun reaxuste das anualidades previstas nese convenio que temos asinado coa confederación para a realización desa senda peonil dende O Salgueiral ata Viloira e o que se fai é trasladar as anualidades previstas para o 2023 para o 2024 e 2025. Así a CHMS tería que aportar no ano 2024 un total de 240.918,34 euros e o Concello do Barco 60.229,58 euros e no ano 2025 a confederación 208.000 euros e o Concello 52.000 euros”.

O BNG, a través do seu voceiro, Suso Vilasánchez anunciaba a súa abstención, explicando que “esta é unha cuestión complexa, no pleno pasado foi retirado da orde do día un punto relativo a este tema e nós ata que non saibamos realmente cal é a opinión dos veciños e dos afectados non nos imos posicionar. Antes queremos saber se están eles de acordo co tipo de senda que se vai facer”. Ademais Vilasánchez plantexaba outra cuestión, “se o Concello do Barco vai modificar o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), ¿que vai pasar con eses terreos coa construción dunha senda diante se despois pasasen a ser terreos urbanos xa que terían un valor importantísimo? Polo tanto habería que falar cos veciños antes a ver que din”.

 

 

Pola abstención optaba tamén neste punto o PP, tal e como adiantaba Manuel Núñez, xa que “cremos que se realmente aos veciños lles imos afectar uns terreos debemos contemplar o que dicía o concelleiro do BNG, algo máis ambicioso para que eses terreos collan valor, non é simplemente expropiar por expropiar”.

O voceiro socialista, Aurentino Alonso, respondía indicando que “simplemente se trata de facer un paso por unha zona que agora é un carreiro e trátase de darlle á veciñanza pasar por alí dun xeito máis cómodo e agradable. Ogallá que nos autorizaran a facer por alí algo máis ambicioso”. Finalmente, o punto aprobábase cos 9 votos a favor socialistas e as abstencións do PP e do BNG.

 

 

No pleno tamén se sometían a votación dúas mocións. Unha delas, presentada polo BNG e exposta pola edil Noa Fernández, plantexaba a necesidade de impulsar compromisos económicos e orzamentarios, así como tomar medidas a nivel municipal para garantir a atención á violencia machista. Resultaba aprobada. Non así a que presentaba o PP, a través do concelleiro Antonio Melo, sobre a creación dun albergue municipal para peregrinos na Estación de Autobuses do Barco, que non lograba o apoio dos outros grupos.

Artigos relacionados

Back to top button