EconomíaEconomíaÚltima hora

O Barco CCA e Aeva lanzan a campaña de Nadal cun sorteo de 600 euros en vales de compra

Ademais instalarase na praza do Concello do Barco, os días 23 e 24 de decembro, unha bóla de neve de Nadal xigante na que se poderá ver a Papá Noel

 

Baixo o lema “ Festexa Valdeorras”, desenvolverase a partir deste venres a campaña de Nadal do Barco Centro Comercial Aberto (CCA) e a Asociación Empresarial de Valdeorras (Aeva). Nela contarán, novamente, coa colaboración do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras.

“O reto de ambas as asociacións é promocionar o sector comercial e hostaleiro da comarca, conseguindo que os clientes aposten polos produtos e servizos dos negocios de proximidade para facer as compras do Nadal; ao mesmo tempo que se difunde unha mensaxe de unión e de forza. Damos tamén continuidade á colaboración co CRDO Valdeorras, insistindo no valor dun dos piares económicos e culturais de Valdeorras: o noso viño”, destacaba a presidenta de Aeva, Araceli Fernández del Palacio, na presentación ante a prensa da campaña. Nela estaba acompañada polo presidente do Barco CCA, Jacobo Arias, e polo do CRDO Valdeorras, José Luis García Pando.

“O lema desta campaña, “ Festexa Valdeorras”, busca achegar un elemento de defensa do que é noso, aglutina márcalas comercio e viño, e expresa o desexo de celebrar e regalar. Este 2021, a veciñanza de Valdeorras protagonizan a cartelería da campaña. Todos eles presentáronse voluntariamente para prestar a súa imaxe, respondendo o chamamento que AEVA e CCA O Barco realizaron a través das redes sociais. Desta maneira, tamén queremos transmitir unha imaxe de proximidade e familiaridade”, engadía a responsable de Aeva.

Unha bóla de neve de Nadal na praza do Concello

Pola súa banda, o presidente do CCA detallaba as características e actividades incluídas nesta campaña, que se se desenvolverá ata o vindeiro 7 de xaneiro. Entre elas destaca “un sorteo de 600€ en vales de compra, seis vales de 100€ cada un, e de cinco estoxos de viño da Denominación de Orixe Valdeorras, doados polo Consello Regulador. Para participar no sorteo, os clientes deberán poñer os seus datos (nome e teléfono) no tícket de compra, que depositarán nunha urna nos establecementos participantes. A promoción estará vixente desde hoxe, día 10 de decembro de 2021, ata o día 7 de xaneiro de 2022”.

Jacobo Arias tamén anunciaba unha actividade para animar e dinamizar o espazo comercial da vila. “Instalaremos, na Praza do Concello do Barco, unha bóla de neve de Nadal xigante na que se poderá ver a Papá Noel. Os veciños poderán achegarse para facerse unha foto no exterior ou acceder ao interior da bóla (previa e posterior desinfección Covid). A bóla de Nadal estará aberta ao público o xoves 23 de decembro, de 16:30 a 20:30 horas, e o venres 24 de decembro, de 10:00 a 14:00 horas. A actividade será totalmente gratuíta”.

“As xentes de Valdeorras son mellores embaixadores dos nosos viños”

Finalmente, o presidente do CRDO Valdeorras, José Luis García, aseguraba que “dende o consello regulador estamos totalmente implicados cos obxectivos e fins que nomeaba a presidenta de Aeva, é importante que a xente da zona invirta no comercio de Valdeorras, que é o noso, e como todos os anos que nos pediron colaboración, estamos encantados de poder participar nestas actividades. E, ao mesmo tempo, tamén nos promocionamos nós como sector do viño, xa que tamén se plasma na decoración dos escaparates, coas botellas de viño. Supón devolver o que recibimos da xente de Valdeorras que, ao final, son os mellores embaixadores que temos para difundir os nosos viños por todo o mundo, de aí vén a nosa colaboración”.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button