CulturaCulturaÚltima hora

O Barco celebra con cine, un coloquio e unha cata o Día da Muller Rural

 

No marco do Día da Muller Rural, o Concello do Barco celebraba esta tarde un acto no Teatro Lauro Olmo da vila. Tiña lugar a proxección da curtametraxe “Y a la viña también” de Irene Guede (incluída no V Ciclo Nacional de Cine e Mulleres Rurais do Ministerio de Agricultura), seguida dun coloquio coa participación de cinco mulleres e dunha cata, guiada pola enóloga Cecilia Fernández. O viño catado era un rosado procedente da zona onde se rodou o documental.

 

 

“Isto ten que ser a continuidade dun proxecto que se empezara antes da pandemia chamado O rural ten futuro“, dicía o alcalde do Barco, Alfredo García, na presentación. Ademais animaba ás mulleres a emprender con iniciativas que permitan a posta en valor dos terreos afectados polo lume o pasado verán.

 

 

 

Pola súa banda, a concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, incidía no interese de xuntarse e falar, aludindo ao coloquio posterior ao filme “con mulleres que nos transmiten experiencias e que nos fan partícipes das vivencias das mulleres rurais”. Abordábase o traballo da muller no sector vitivinícola. No coloquio tamén participaba por videoconferencia a directora da curta.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button