ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

O Barco donará a Asfaval os 2.000 euros conseguidos na campaña “Recicla, respira e supérate. Únete ao reto!”

O Concello lograba incrementar nun 17% os residuos depositados nos contedores amarelos

O concello do Barco de Valdeorras foi un dos 15 que participaron na campaña da Xunta “Recicla, respira e supérate. Únete ao reto!” que se desenvolveu durante os meses de maio, xuño e agosto, marcándose como obxectivo lograr incrementar a lo menos nun 10% os residuos depositados nos contedores amarelos. No caso do Barco, chegouse a un 17% de incremento, ao pasar de 38.830 quilos de envases nos meses de maio, xuño e xullo de 2017, aos 45.310 quilos que se recolleron no mesmo período deste ano, sendo o cuarto concello de Galicia en incremento de recollida neste contedor.

O premio por lograr o reto consiste nun galardón que era recollido polo alcalde Alfredo García na mañá do 5 de outubro, e nunha dotación económica de 2.000 euros, que será entregado a Asfaval, a asociación de familiares de discapacitados psíquicos de Valdeorras “polo traballo que esta entidade ven desenvolvendo nos últimos anos a prol da reciclaxe, con especial adicación á recollida e tratamento de aceites usados”.

A campaña consistiu, entre outras iniciativas, na entrega de folletos, pulseiras e outros materiais aos veciños do Barco de Valdeorras; no pintado de grafitis inversos nas rúas e a iluminación durante uns días da fachada do Concello co lema escollido para esta campaña. Esta campaña, e o éxito acadado “non son o final de nada, senón un punto mais no camiño de cara a conseguir incrementar cada día máis a reciclaxe de residuos no municipio”, dixo Alfredo García, lembrando que este non é un logro “só do Concello, senón de todos os veciños que colaboraron para lograr o obxectivo marcado, e o superaron con creces. Este é o camiño que debemos seguir”.

Artigos relacionados

Back to top button