ConcellosO BarcoÚltima hora

O Barco incorporarase á estratexia de Cidades e Municipios de resposta rápida á Sida

Así se acordaba na sesión plenaria desta tarde na que tamén saía adiante unha moción do BNG para acadar o compromiso dos grupos políticos presentes na Deputación para un Plan único de financiamento aos concellos

 

Entre os puntos aprobados na sesión plenaria celebrada esta tarde pola Corporación municipal do Barco estaba a incorporación do Concello á estratexia Fast-Track Cities an Municipalities (Cidades e Municipios de resposta rápida ao VIH/SIDA). Tratábase dunha moción socialista que expoñía o concelleiro de Sanidade, Orlando Saavedra, e na que comezaba lembrando que o 1 de decembro de 1994 un total de 42 estados, entre eles España, asinaban a Declaración do Cumio de París sobre a SIDA” co compromiso de “protexer, promover, mediante a contorna xurídica e social, os dereitos das persoas, en particular das que viven co VIH/Sida ou están máis expostas á infección”.

A moción, que resultaba aprobada por unanimidade, pedía adherirse á citada estratexia “cuxos obxectivos e recomendacións permiten orientar a posta en marcha de accións locais, que potencien a prevención do VIH e outras enfermidades de transmisión sexual (ITS) e que melloren a calidade de vida das persoas con viven con VIH e Sida”. Ademais acordábase asinar o documento da Declaración de París co “compromiso de centrarnos no VIH, mobilizar recursos para lograr unha mellor integración de saúde pública e desenvolvemento, construír e acelerar as estratexias en materia de VIH e usar a resposta á Sida como catalizador para unha transformación social positiva”.

A continuación, o pleno debatía outra moción, desta volta presentada polo concelleiro do BNG, Suso Vilasánchez, para “acadar o compromiso dos grupos políticos presentes na Deputación de Ourense e acordar o desenvolvemento dun plan único de axuda e financiamento aos concellos, por parte da Deputación de Ourense para o próximo mandato 2023/27.

“Unha das principais competencias das deputacións provinciais é a asistencia económica aos municipios, especialmente a aqueles de menor capacidade económica de xestión. Esta asistencia pode materializarse de forma clara e con carácter ordinario, seguindo criterios obxectivos como os xa establecidos pola Fegamp (en base a superficie, poboación, entidades de poboación e índice de envellecemento), e así fan as deputacións galegas, agás a de Ourense”, dicía na súa intervención o edil do BNG, Suso Vilasánchez, que pedía na súa moción que o “Concello do Barco traslade ao pleno da Deputación de Ourense para os efectos oportunos, o seu acordo de solicitar o compromiso a tódalas organizacións políticas nel presentes para definir un plan único similar ao das demais deputacións galegas que sexa de aplicación anual para o mandato 2023/27, seguindo os criterios da Fegamp”.

A moción tamén resultaba aprobada, pero desta volta cos votos de Riada Cidadá e do PSdeG-PSOE, cuxo portavoz municipal, Aurentino Alonso, lembraba que esta petición xa se ten levado ao pleno provincial en varias ocasións. Ademais expoñía numerosos datos comparando o financiamento da Deputación de Ourense aos concellos co das outras deputacións galegas. Pola súa banda, o PP votou en contra, alegando que “a provincia de Ourense presenta unhas características que non son comparables ás do resto das provinciais galegas”.

Artigos relacionados

Back to top button