
“Estamos traballando para que, canto antes, saia a concurso a piscina cuberta”. Dese xeito respondía o alcalde do Barco, Alfredo García, a unha pregunta plantexada durante o pleno celebrado na tarde do 10 de xullo por parte do portavoz municipal do PP, Arsenio Moldes.
O rexedor barquense sinalaba que aínda non se empezaron as obras de mellora nesta instalación deportiva e que, “en canto teñamos os proxectos (un de obra e outro de instalacións), éstes irán á comisión de obras”. Por outra banda, a documentación para sacar a piscina a concurso incluirá un prego técnico e de viabilidade económica, e “esperamos ter a finais de xullo toda a documentación para sacala a concurso”.
Nesta sesión plenaria tamén se aprobaba, por unanimidade, a solicitude de subvención ao IDAE para levar a cabo dous proxectos de eficiencia enerxética no Teatro Lauro Olmo do Barco.