Levaban tempo intentándoo e neste 2024 o Botelo do Barco dará por fin o salto a Madrid. Así o aseguraba a concelleira de Cultura do Barco de Valdeorras Margarida Pizcueta, na mañá deste mércores 24 de xaneiro na presentación das diferentes festas que seguirán tralo éxito da XXII edición da celebrada no Barco na pasada fin de semana.
“A xente non se fai idea do traballo que dá pero valeu a pena e estamos moi satisfeitos co resultado do que só recibimos loubanzas. Resula moi gratificante para nós saber que todas as actividades organizadas funcionaron e disfrutáronse, tamén nos restaurantes”, dixo Pizcueta, asegurando que saíu unha Festa do Botelo “redonda” que os anima a seguir mellorando e medrando.
Nese sentido van os xantares que se celebran dende hai anos nas dúas cidades galegas máis grandes con gran aceptación. A Festa do Botelo do Barco na Coruña será o 3 de febreiro no Hotel Finisterre; a de Vigo un mes despois, o 2 de marzo no Hotel Coia; e unha semana despois chegará a Madrid.
Tal como explicou a concelleira de Cultura, o obxectivo é conseguir impactos nos medios nacionais para dar un paso maís na presentación da candidatura a Festa de Interese Turístico Nacional e contan coa colaboración da valdeorresa Mila Redondo. “Xa tivemos varias reunións telemáticas para a o deseño de dúas actividades os días 8 e 9 de marzo no Centro Galego e na Casa de Galicia”, asegura Margarida.
O venres día 8 celebrarase no Centro Galego unha xornada de exaltación e difusión do produto de botelo entre os profesionais e medios especializados, a través dun túnel do viño con presentación e degustación do produto para tratar as “potencialidades do botelo”.
Ao día seguinte, sábado día 9 será o xantar popular na Casa de Galicia cun aforo entre 110 e 120 persoas porque “queremos empezar pouco a pouco para ir medrando ben”, dixo Margarida, asegurando que están moi ilusionados.
Pola súa banda, o alcalde asegurou que con esta acción, ademais de dar un paso máis para pasar de ser Festa de Interese Galego a Festa de Interese Galego Nacional, cumpren o obxectivo de “promocionar o produto que se fai en Vadeorras máis alá das nosas fronteiras, para que siga aumentando a produción e o número de empresas que se adican a isto”.
Vídeo: Mónica G. Bellver.