ConcellosÚltima hora

O Concello de Allariz celebra a Festa dos Maios o día 29

Repartirá entre 30 e 50 euros en premios nos concursos dos maios e das coplas
Allariz festexa os Maios o día 29
Allariz festexa os Maios o día 29

O Concello de Allariz programa a celebración da tradicional Festa dos Maios para o día 29. Irá dirixido a alumnos e alumnas do colexio de primaria e do instituto da vila, que poderán presentar as súas creacións naturais e cantar as coplas elaboradas por eles mesmos. O prazo para inscribirse en ambos concursos remata o 26 de abril.

Para o concurso dos maios, os participantes deberán facelo en grupos de oito persoas como mínimo. As bases establecen dúas categorías, diferenciando entre os “maios enxebres” e “maios artísticos”. Para cada categoría, o primeiro premio será de 50 euros, o segundo de 35 e o terceiro de 30 euros. Ademais, todos os maios presentados “cuns mínimos de calidade” recibirán un diploma de participación e unha subvención de 40 euros.

No caso do certame de coplas, haberá tamén dúas categorías. Por unha banda, coplas de nenos de 3 a 11 anos (infantil e primaria), e pola outra, coplas de maiores, de 12 anos en adiante (ESO). Os grupos tamén teñen que ser de oito personas mínimo e deben presentarse 12 estrofas. Os premios distribúense da seguinte forma: primeiro premio, 50 euros, segundo premio, 35 euros e o terceiro premio, 30.

En canto ao programa de actos, o concello fixa para as 12.00 horas a presentación dos Maios no campo da Barreira e ás 12.30 horas o canto das coplas. O veredicto do xurado darase a coñecer no mesmo día. Ademais, a xornada estará amenizada cunha actuación musical do Grupo de Gaitas do Centro Sociocomuniario de Xinzo de Limia e coa Escola de Danza de Allariz.

Artigos relacionados

Back to top button