EconomíaEconomíaEn portadaÚltima horaViticultura

O Concello de Sober reinvéntase para non renunciar á XL Feira do Viño de Amandi

Ultímase un programa de actividades para levar a cabo durante o mes de novembro que culminaría coa Feira-Mostra do Viño de Amandi os días 5 e 6 de decembro no salón de eventos do Hotel Pazo de Sober

 

A pandemia do Covid-19 truncaba na pasada primavera a celebración da XL Feira do Viño de Amandi en Sober. Contando co acordo do sector, o Concello decidía adiala tendo en conta a situación. Agora, co fin de darlle continuidade a este evento de referencia, o Concello de Sober decide reinventarse e prepara xa unha mostra alternativa para profesionais. Así, ultímase un programa de actividades para levar a cabo durante o mes de novembro que culminaría coa Feira-Mostra do Viño de Amandi os días 5 e 6 de decembro no salón de eventos do Hotel Pazo de SoberXL Feira do Viño de Amandi.

“O formato da mostra será similar ao do túnel do viño de Amandi, que se celebrou os últimos anos en Sober coincidindo coa Feira da Rosca. Todas as actividades estarán pensadas para profesionais do sector (distribuidores, hostaleiros ou xornalistas especializados), e a entrada será con invitación para poder cumprir cos correspondentes protocolos anticovid”, tal e como adianta o Concello de Sober.

Mes do Amandi

O próximo sábado 6 de novembro dende o Concello farase a presentación do cartel e o programa de actividades do Mes do Amandi e das dúas xornadas que durará a mostra.

Durante o Mes do Amandi haberá varias actividades, algunhas delas retransmitidas a través das redes sociais e durante os dous días de Mostra, en decembro, haberá cata cun panel de especialistas para outorgar, como o último ano, 3 premios a tintos de 2019, un premio a tintos de outras anadas e un premio a brancos de 2019.

Desde o Concello explican que a situación sanitaria obriga a “reinventarse e ir perfilando a Feira do ano próximo que, coincidindo coa fin de semana do domingo de Ramos como foi sempre, tería que celebrarse os días 27 e 28 de marzo. Todo fai pensar que terá que ser nun formato parecido ao deste ano”, precisan.

O obxectivo, explica o alcalde soberino Luis Fernández Guitián, é “a promoción do seu produto máis característico e, debido á situación sanitaria, non queda outro remedio que reinventarse ou non facer nada”.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button