En portadaÚltima hora

O Concello do Barco xestiona recursos para a residencia de anciáns da vila, tras dous positivos por coronavirus nela

O alcalde barquense contactou hoxe coa Subdelegación do Goberno para ver a posibilidade de que sexa unha unidade da UME a que se traslade a esta localidade para facer a desinfección deste centro, tal e como están a facer noutras residencias do país

 

Labores de desinfección o pasado sábado no exterior da residencia de anciáns do Barco.

 

Dende hai días o alcalde do Barco, Alfredo García, está mantendo contacto permanente cos responsables da Residencia de Anciáns do Barco, co Hospital Público Valdeorras e coa Dirección Xeral de Maiores da Xunta, para conseguir “tanto materiais como persoal para atender a este xeriátrico, que está en una situación difícil nestes momentos por mor do avance do Covid- 19”, segundo o rexedor.

Hai uns días confirmábase o primeiro caso de Covid neste centro da terceira idade do Barco, e onte rexistrábase “un segundo afectado, mentres se está á espera de coñecer os resultados das probas realizadas a outros residentes do mesmo centro. Ademais, varios traballadores permanecen nas súas casas, como medida de precaución, polo que tamén necesitan cubrir varias prazas de persoal”, segundo informa o Concello do Barco.

Dende esta administración local iniciáronse xestións tanto para que o Hospital de Valdeorras “atenda de xeito continuado a esta residencia, como para que se realicen as probas do Covid a todos os que se considere que poden estar en risco de padecer a enfermidade (tanto residentes como traballadores). Ao mesmo tempo, e dada a carencia de materiais (sobre todo mascarillas e guantes), o Concello lles remitiu caixas de guantes, así como xel hidroalcohólico. Este material se había adquirido para a realización dun curso de atención sociosanitaria”, tal e como indica o Concello.

Ao mesmo tempo, e “dado que se fai preciso que se realice una profunda desinfección de todas as instalacións da residencia (que en principio farán con persoal propio)”, o alcalde barquense contactou hoxe coa Subdelegación do Goberno para ver a posibilidade de que sexa unha unidade da UME a que se traslade a O Barco para facer este traballo, tal e como se está a realizar noutras residencias do país.

Continúa a desinfección das rúas

Por outra banda, e continuando coas tarefas de prevención para evitar a propagación do Covid, mañá iniciaranse tarefas de baldeo das rúas do Barco. Estes traballos serán realizados cun camión da empresa de limpeza, e faranse, segundo o Concello, cumprindo estritamente os protocolos establecidos para este tipo de baldeos: de xeito manual e con mangueira, para lograr desinfectar, pero evitando ao tempo que se levante o po que poida haber no chan, para que non haxa ningunha posibilidade de expansión do virus.

O obxectivo, ao igual que a desinfección dos contedores de lixo e a aplicación diaria de produtos nas beirarrúas de máis aglomeración de persoas (entradas de farmacias, supermercados, tendas, hospital, etc), é “lograr, do xeito máis eficaz, contribuír na medida do posible para evitar que o virus poida afectar aos veciños do Barco”, resalta esta administración local.

Por último, o Concello do Barco lembra que os veciños deben cumprir coas condicións do estado de alerta, e que esta administración segue a traballar, “aínda que de xeito telefónico e telemáticamente, para atender aos veciños do Barco, e especialmente no departamento de Servizos Sociais”.

Artigos relacionados

Back to top button