ConcellosEn portadaParada de SilÚltima hora

A neumóloga Lucía Ferreiro será homenaxeada o 11 de maio en Parada de Sil

Esta doutora, con orixes en Sacardebois, ten sido distinguida recentemente polo portal Expertscape como unha das principais expertas en patoloxía da pleura a nivel mundial

A doutura Lucía Ferreiro./ Cedida.

 

Como vén sendo habitual dende o 2008, cada mes de maio o Concello de Parada de Sil celebra o Día das Letras Galegas sen que necesariamente sexa o 17 para facilitar a asistencia de autoridades e veciñanza. “Cando empezamos con esta celebración trazámonos dous obxectivos, por un lado conmemorar o día das Letras e, por outro, homenaxear a algunha persoa senlleira do concello ou relacionada con el ben relacionada coas letras, ben destacada na súa profesión. Entendemos”, di o alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez, “que con esta opción contribuímos a pór en valor a veciños e veciñas e transmitimos a mensaxe de que dende un concello pequeno e da Galicia Rural e profunda como é Parada de Sil pódense acadar altas cotas en calquera profesión”.

Este ano a homenaxeada o 11 de maio será a neumóloga Lucía Ferreiro, con raíces en Sacardebois, aldea que visita cando as súas obrigas o permiten e onde está a súa avoa. Lucía Ferreiro, despois de formarse nos colexios ourensáns de Concepción Arenal e Carmelitas cursou medicina na Universidade de Santiago de Compostela realizando a especialidade de Neumoloxía no Hospital Clínico de Santiago de Compostela e ampliando a súa formación cunha estadía nos EE.UU. na Medical University of South Carolina co doutor Esteven A. Sahn, especialista internacional en patoloxía de pleura. Volta a Compostela e Lucía pon en marcha esta unidade de Pleura.

Lucía Ferreiro ten participado en numerosos proxectos de investigación, ademais de ser destacada conferenciante tanto a nivel nacional como internacional, e foi recoñecida recentemente polo portal Expertscape como unha das principais expertas en patoloxía da pleura a nivel mundial.

O acto comezará á ás 11,30 da mañá coa participación da coral Aqua Música e no mesmo, despois da proxección dun vídeo de recordos da homenaxeada e a súa laudatio, entregaranse os premios do concurso de microrrelatos, leranse uns poemas de Luísa Villalta e, despois de colocar unha placa na súa casa de Sacardebois, todos os participantes están convidados a petiscos e viño galego en Parada de Sil.

Así mesmo, está previsto que para rematar a xornada ás sete da tarde terá lugar na igrexa de Parada de Sil unha nova edición do certame de Corais Ribeira Sacra

Artigos relacionados

Back to top button