Antes, durante e despois. A música é un dos ingredientes cos que cada ano se elabora a programación cultural en torno á Festa do Botelo do Barco que este ano chegará á XXIII edición o sábado 18 de xaneiro. Unha edición que por primeira vez contaba cun concerto previo que se celebraba hoxe no Teatro Lauro Olmo.
Na tarde deste sábado 11 de xaneiro o Orfeón Valdeorrés, acompañado pola Ronda Amigos del Bierzo protagonizaba a primeira edición do Concerto do Botelo que contaba entre o público co alcalde do Barco, Alfredo García e a concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta.
Os primeiros en actuar eran os anfitrións que, baixo a batuta de José Ramón Mansilla, interpretaban catro temas: Lévame, Ruada de Chamosa, Foliada de Olas e Popurri Galego. De seguido tocáballe o turno aos convidados. A Roda Amigos del Bierzo interpretaba as sete cancións previstas (Bierzo tierra hermosa, Tras las montañas, Yo quiero ser marinero, Qué grande que el río suena, Pueblito viejo, Canto a Castilla e Camino del Sil) e unha máis sobre os amigos a petición do público.
A ronda recibía un detalle (unha barca obra do artista Xelo de Tremiñá) en agradecemento á súa actuación e o acto remataba coa interpretación do tema O Botelo, letra de José Luis Folla, por parte do Orfeón acompañado polo público, como a particular homenaxe do coro ao referente gastronómico do Barco de Valdeorras.
Fotos e vídeos: O SIL.