SanidadeÚltima hora

O doutor Julio Ancochea será nomeado fillo predilecto de Trives en agosto

O acto terá lugar o día 5, coincidindo coa celebración do Encontro da Asociación de Médicos Galegos na vila

O trivés Julio Ancochea, neumólogo e presidente da Asomega./ Foto: Asomega.

 

O 2023 será recordado coma o ano no que A Pobra de Trives devolveu a Julio Ancochea o agarimo que o médico, neumólogo e presidente da Asociación de Médicos Galegos (Asomega) ten demostrado ao municipio ao longo de toda a súa vida, así o destacan dende o Concello de Trives. Unha distinción que recollerá o 5 de agosto agosto, coincidindo coa celebración no municipio o seu Encontro de Verán de Asomega. “Realizarase así unha nova e dobre homenaxe a un profesional cunha gran vinculación con esta terra, destacando a súa implicación cos veciños e veciñas durante a pandemia”, adiantan dende o grupo de goberno trivés.

Foi o presidente de honor de Asomega, o doutor  Aniceto Charro, quen manifestou na última reunión da xunta directiva a idoneidade de celebrar en Trives o encontro debido ao seu recente nomeamento como fillo predilecto do concello e a que “baixo a súa presidencia a asociación de médicos experimentou un impulso sen precedentes”.

A xuntanza, previsto para o 5 de agosto, comezará ás 12.00 horas cun acto institucional no Auditorio Julio Vázquez. Para as 13.00 horas organizouse o Encontro Entre Amigos no Colexio Santa Leonor. O xantar, que xa formará parte da axenda do encontro de verán, comezará ás 14.30 horas e terá lugar no Restaurante La Viuda de Trives.

A vinculación de Julio Ancochea con esta terra levábao o pasado ano a ler o pregón das festas de San Bartolomé, cun emotivo discurso no que asegurou levar sempre a Trives no corazón: “Diante de todos quero reivindicar o meu pobos, os meus soños, o meu berce, a miña palabra”. Lembrou aos seus familiares, especialmente “a bondade do meu pai, a xenerosidade da miña nai, o fogar, os amoriños primeiros, as miñas raíces que son tan profundas…”.

Tamén destacou a influencia deste concello no seu exercicio da medicina. “De aquí proveñen as miñas primeiras imaxes do exercicio da medicina que me brindou o meo propio avó, médico rural. Aprendín que o paciente é unha persoa, non unha enfermidade e que mirarlle aos ollos, tocarlle a man e escoitar ten un efecto terapéutico que completa ao tratamento ao menos co mesmo nivel de eficacia”.

Artigos relacionados

Back to top button