EconomíaEconomíaÚltima horaVídeos

O GDR Valdeorras segue impulsando o emprendemento co apoio a 6 novos proxectos

A presidenta do GDR Valdeorras, María Carmen González, co xerente da entidade, Luis Rodríguez ./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Mellorar as condicións para crear e manter emprego no medio rural da comarca e dotar de servizos á poboación destas zonas, favorecendo a mellora do seu nivel de vida e a súa dinamización socioeconómica. Son os obxectivos cos que traballa o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Valdeorras, cuxa xunta directiva se reunía esta mañá e aprobaba axudas para seis novos proxectos de emprendemento dentro da convocatoria Leader 2023/24 (dotada cuns 635.000 euros) do Agader.

“Unha vez máis demóstrase que Valdeorras é unha comarca áxil, con ganas de emprender e crear proxectos. E, pena, pero á vez alegría por saber que nos quedan multitude de proxectos interesantísimos en carteira que non puideron entrar porque se esgotou o orzamento deste ano e iso sempre é bo porque significa que temos unha boa carteira de novos emprendedores que en sucesivas edicións poden chegar a ter a nosa axuda”, comentaba a presidenta do GDR Valdeorras e alcaldesa de Carballeda, María Carmen González. O investimento total deses seis proxectos ascende 1.393.898 euros, dos que o GDR-Agader aportará 635.829,75 euros.

 

 

Ademais detallaba, un a un, os seis proxectos aprobados e que se desenvolverán en cinco concellos diferentes da comarca. O primeiro deles é unha rehabilitación e reforma interior dunha edificación tradicional existente, para pensión, en Seadur (Larouco). “Este é un proxecto grande dun orzamento total de 435.215 euros, que recibe o 50% do GDR e, polo tanto, uns 200.000 euros, que é o máximo que podemos dar no GDR”, explicaba González Quintela.

 

Outro momento da rolda de prensa./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O segundo proxecto é a remodelación e adecuación do hotel de montaña Peña Trevinca (en Casaio, Carballeda de Valdeorras), cun orzamento de 345.945 euros, que recibirá unha axuda de 148.833 euros. Por outra banda, o GDR tamén apoiará a ampliación dun servizo de hosting de telescopios para astrofotografía e produción científica na Veiga, cun orzamento total de 104.973 euros e que recibirá unha aportación de 52.486 euros do GDR; así como a compra dun vehículo para reparto dun supermercado en Sobradelo, que suporá 18.334,14 euros e que recibirá 9.417 euros.

Así mesmo tamén resultaba aprobado o apoio a un proxecto dunha pensión na Rúa de 428.995 euros, cunha axuda do GDR de 200.000 euros nas dúas anualidades do 2023 e 2024. E, finalmente, tamén se apoiará un proxecto básico e de execución de obra de ampliación da zona de recepción de uva nunha adega de viños en Éntoma (O Barco). Ten un orzamento de 59.885 euros que recibirá unha axuda de 25.092 euros.

Ademais de facer o seguimento os proxectos que están en execución, o persoal do GDR Valdeorras tamén traballa no deseño da estratexia do programa Leader que comezará no 2024.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button