ConcellosÚltima hora

O GDR Valdeorras ten xerado ou consolidado 90 empregos e creado 10 empresas entre o 2014 e o 2020

A súa presidenta ofrecía esta mañá unha rolda de prensa para facer balance do labor realizado nos últimos anos pola entidade

 

“O ciclo 2014-2020 está a piques de rematar e penso que temos cumprido. Notamos a forza que ten Valdeorras de emprender. Neste tempo o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR7) Valdeorras creou 10 empresas e xerou ou consolidou 90 postos de traballo”. Deste xeito iniciaba valoraba a presidenta deste grupo de desenvolvemento rural, María Carmen González, a rolda de prensa celebrada esta mañá e na que esta entidade facía balance do labor realizado nos últimos anos.

Así, no período 2014-2020 a través do Plan Leader concedéronse máis de dous millóns e medio de € en axudas, “que permitiron realizar na comarca un investimento de 4.601.000 euros en 56 proxectos O Barco de Valdeorras, ao 18 de novembro de 2020”, engadía González Quintela, que comparecía na Casa Grande Viloira (O Barco), acompañada do xerente do GDR, Luis Rodríguez.

A presidenta do GDR destacaba a gran cantidade de proxectos recibidos. “Estudáronse en profundidade 117 proxectos, dos que se puideron aprobar 56. Proxectos promovidos por entidades públicas e privadas, que axudaron a desenvolver na nosa comarca sectores como o turismo, a alimentación, a tecnoloxía ou os servizos sociais”.

Deste xeito, os fondos europeos concedidos durante o período 2014-2020 en Valdeorras permitiron crear 10 novas empresas, 14 compañías diversificaron ou ampliaron as súas liñas de negocio, xeráronse 24 novos postos de traballo e consolidáronse outros 66 empregos, segundo os datos da entidade. “O máis importante para zonas rurais como a nosa é a fixación de poboación. E para iso é esencial promover a creación e a consolidación de empresas que permitan que os postos de traballo aumenten ano a ano”, segundo González Quintela, que tamén puxo en valor o traballo realizado polo equipo humano desta entidade valdeorresa.

A rolda de prensa concluía coa presentación dun vídeo qus resume o labor desenvolvido polo organismo durante estes últimos anos. “No 2021 o GDR continúa para pechar proxectos en execución e para deseñar a estratexia do seguinte ciclo que imos ter con fondos europeos”.

O vídeo

 

Con nove concellos

O GDR7, o Grupo de Desenvolvemento Rural de Valdeorras, enmárcase no programa europeo Leader 2014-2020. É un dos seis que actualmente están en funcionamento na provincia de Ourense e o seu radio de acción abarca os municipios da Rúa, Carballeda de Valdeorras, Larouco, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Petín, Rubiá, Vilamartín e A Veiga; cunha extensión de 969 quilómetros cadrados e uns 27.000 habitantes.

Conta cun orzamento investidor de case 3,8 millóns de euros ata o horizonte de 2020, “o que lle converte no segundo GDR de Galicia con máis investimento por habitante: 227 euros por veciño”, tal e como destaca a propia entidade.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button