CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

O IES Lauro Olmo e Cruz Vermella Valdeorras asinan un convenio no departamento de Peiteado e Cosmética Capilar

Os usuarios da ONG beneficiaranse dos traballos realizados polos alumnos en técnicas de corte, coloración capilar, manicura ou pedicura

Publicidade

 

A solidariedade non está reñida coa beleza e co coidado persoal. E un claro exemplo é o convenio de colaboración asinado entre o IES Lauro Olmo do Barco e Cruz Vermella Valdeorras. Un documento que era rubricado na mañá deste martes 9 de novembro por parte da directora do instituto, Amparo Quiroga e da presidente da ONG, Mª Victoria Núñez, nunha das aulas do Ciclo Medio de Peiteado e Cosmética Capilar, o lugar no que se levará a cabo o proxecto solidario.

Tal como explica Ángela Blanco Santás, profesora do Ciclo e promotora da iniciativa, grazas a este convenio, os usuarios de Cruz Vermella poderán beneficiarse dos traballos realizados polos alumnos en técnicas de corte, coloración capilar, manicura ou pedicura, ao tempo que os alumnos poderán practicar en persoas reais. “Os alumnos necesitan clientes para que salgan profesionalmente preparados porque no só vale traballar en maniquí”, di Ángela, asegurando que a idea xurdía precisamente desta necesidade de xente real para realizar a parte práctica.

 

Alumnos que levarán a cabo a iniciativa.

 

Debido ás restricións que aínda se manteñen polo Covid, dende Cruz Vermella informarán a Ángela da xente interesada en participar no programa e despois “virán unha ou dúas persoas aos diferentes módulos que queiran facerse, sempre con todas as medidas oportunas”, explican dende o Instituto adiantando que o convenio asinado terá validez ata marzo, que é cando rematan os alumnos de segundo, pero con posibilidade de prorroga ata final de curso, de ambas partes están contentas co resultado.

A presidenta de Cruz Vermella pola súa banda, amosou a súa satisfacción por esta iniciativa da que “saímos beneficiados todos”, dando as grazas a todo o Instituto representado pola directora, pero moi especialmente á promotora da iniciativa e sobre todo “ao alumnado que co seu traballo vai permitir a integración dos usuarios de Cruz Vermella”, desexando seguir colaborando e “incentivar aos alumnos a que amosen a súa solidariedade e que algún día poidan incluso ser voluntarios na nosa entidade porque é moi reconfortante e beneficioso para todos”.

Fotos: Mónica G. Bellver.

 

Artigos relacionados

Back to top button