CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

O IES Lauro Olmo recibe ás alumnas do Lycée Robert de Mortain (Normandía) que participan no programa Erasmus

O instituto barquense colabora co centro francés nos ciclos de Atención a Persoas en Situación de Dependencia e de Coidados Auxiliares de Enfermería

 

Durante dúas semanas nove alumnas do Lycée Robert de Mortain (Normandía, Francia) do ciclo de Accompagnement, soins et services à la personne (ASSP), acompañadas polo seu profesorado, realizarán unha estadía formativa co programa Erasmus no IES Lauro Olmo do Barco de Valdeorras, en concreto no ciclo medio de formación profesional de Atención a Persoas en Situación de Dependencia e no ciclo medio de Coidados Auxiliares de Enfermería.

O luns 8 de abril foi o seu primeiro día no instituto e, tras coñecer as instalacións e os grupos cos que compartirán aulas, comezaron os obradoiros de formación relacionados co apoio psicosocial, coa atención sanitaria e coa formación e orientación laboral. Xa pola tarde, nunha actividade organizada conxuntamente polo alumnado de Atención a Persoas en Situación de Dependencia e a asociación AFEM Morea, realizouse o percorrido urbano Pasea O Barco promovido polo Concello e a Oficina de Turismo para coñecer varios dos recantos máis singulares da vila.

 

 

Nos próximos días continuarán as actividades, así como saídas na propia localidade e noutras para coñecer recursos e equipamentos no sector profesional de atención social e sanitaria. Despois o alumnado do Barco poderá devolver a visita realizando cunha beca parte da súa formación práctica en centros de traballo do sector no estranxeiro.

O programa Erasmus+ é xestionado por parte do Servicio Español para la Internacionalización de la Educación (SEPIE), organismo público adscrito ao Ministerio de Universidades que actúa como Axencia Nacional do programa nos ámbitos da educación e a formación.

Artigos relacionados

Back to top button