O Museo de Verín reabría neste xoves as súas portas ao público logo de varios meses pechado por mor da situación sanitaria. A tendencia á baixa dos datos de contaxios e o aceleramento da vacinación motivou a reapertura deste centro que procurará continuando a ser o enclave cultural estratéxico do sur de Ourense. “Unha visión diferente, didáctica e visual pensada a partir das técnicas de interpretación patrimonial máis modernas que nos seus tres anos de vida xa constitúe un centro indispensable para os amantes da enoloxía e do patrimonio material e inmaterial”, indican dende o museo.
Tamén se apostará nesta tempada 2021 por “crear unha identidade comarcal propia, potenciar o patrimonio da comarca e dinamizar a vida cultural da vila”. Para os meses de verán, o Museo prepara diferentes proxectos que buscarán complementar a programación cultural da vila tanto para os veciños como para os turistas que se acheguen a coñecer a súa historia.
Nos seus tres anos de vida, o Museo de Verín organizou máis de 200 actividades académicas, divulgativas e pedagóxicas enfocadas a traballar na dirección que deu orixe a esta institución: dar a coñecer a historia da súa comarca e crear entre os seus veciños un sentimento de identidade.
Localízase nun emblemático edificio verinense, situado na Praza da Merced, de estilo Barroco do século XVIII e construído en parte con pedras procedentes da fortaleza de Monterrei. As súas exposicións permítenlle ao público meterse na pel dos contrabandistas da raia con Portugal, aló polo tempo da ditadura, ou incluso visitar unha lareira tradicional e lembrar (ou descubrir) como era a vida ao redor destas habitacións tan significativas nas casas galegas. Pero sobre todo, grazas ao fío condutor do viño, pódese descubrir a forte tradición vitivinícola que marca a historia pasada e presente de Monterrei.
Dende o Museo piden responsabilidade aos visitantes e atención ás indicacións do persoal á vez que animan a acudir ás instalacións sen medo e con total seguridade. O horario de visitas, como ven sendo habitual, é de mércores a sábado, de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas e domingos de 11.00 a 14.00 horas. Para calquera consulta, os usuarios poden contactar co museo a través da súa páxina de Facebook, do correo museodeverin@gmail.com ou ben chamando ao teléfono 617963905