ConcellosO BarcoÚltima hora

O novo delegado do Goberno en Galicia visita O Barco

 

Ata Valdeorras desprazábase esta mañá o novo delegado do Goberno en Galicia, Xosé Ramón Gómez Besteiro. Reuníase no Concello do Barco co seu alcalde, Alfredo García, para abordar os diferentes proxectos do Goberno central en relación con este municipio como son a circunvalación do Barco ou a autovía A-76, entre outros.

“Para min é un pracer recibilo como delegado do Goberno, na reunión previa puxemos de manifesto todos os temas pendentes co Goberno nestes momentos, que teño que dicir que todos están en marcha, tal e como se prometeu por parte do secretario xeral de Infraestruturas na súa visita ao municipio. Pero debemos facer un seguimento deles e hoxe pedímoslle ao delegado que estea pendente de todas estas cuestións”, aseguraba o alcalde do Barco, Alfredo García, tras a xuntanza e mentres visitaba acompañado por Gómez Besteiro a Unidade de Documentación da Policía Nacional do Barco, coñecida popularmente como “Oficina do DNI”.

 

 

“Analizamos como están as obras que se fan na comarca de Valdeorras como é o caso da variante do Barco, cun orzamento de máis de 60 millóns de euros, da autovía A-76”, pero tamén “falamos do plan de sostibilidade turística, dos proxectos en eficiencia enerxética, en rehabilitación… é dicir, das grandes obras, pero tamén de servizos como o desta oficina  de documentación da Policía Nacional que están cumprindo unha función social día a día para a comarca”, sinalaba o delegado do Goberno en Galicia.

 

 

Dende a súa apertura, o 19 de decembro de 2022, a Unidade de Documentación do Barco, que depende da Comisaría Provincial do Corpo Nacional de Policía en Ourense, leva tramitados 1.400 DNIs, 400 pasaportes e 60 tarxetas de extranxeiría. Tramita unha media de 40 DNIs á semana.

Nesta visita Xosé Ramón Gómez Besteiro estaba acompañado polo subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, do comisario provincial da Policía Nacional de Ourense, Juan Carlos Blázquez, e por outras autoridades como senador Miguel Bautista.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button