OurenseÚltima hora

O orzamento da Confederación Hidrográfica Miño-Sil para o 2023 ascenderá a 48 millóns de euros

 

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) reunía esta mañá aos órganos de goberno, participación e cooperación da demarcación (Xunta de Goberno, Comité de Autoridades Competentes e do Consello da auga) para dar conta dos contidos consolidados do proxecto de plan hidrolóxico para o ciclo 2022-2027, da situación de seca e do proxecto de orzamento para o próximo ano.

A CHMS expuxo aos integrantes da Xunta de Goberno o proxecto de orzamento para o 2023 que ascende a 48,16 millóns de euros. A CHMS continúa sendo un organismo netamente investidor xa que o 64% do seu orzamento de gastos destínase a investimentos. Neste sentido, “consolídase a aposta polo programa de limpeza e acondicionamento de leitos, incrementándose en 0,7 millóns en relación ao xa incrementado no exercicio anterior”, segundo matizaba o seu presidente, José Antonio Quiroga. “A Lei 7/2022, de Residuos, prové aos Organismos de conca do 50% do recadado por canon hidroelectrico, porcentaxe que ata o de agora era do 2%, o que fará que nun futuro os organismos poidan autofinanciarse”, engadía.

Por outra banda, presentouse o informe de desenvolvemento e seguimento da aplicación do plan hidrolóxico vixente e relacionáronse os principais datos relativos á evolución dos recursos hídricos da demarcación durante o ano 2020/2021, das demandas consuntivas de auga, do cumprimento dos caudais ecolóxicos, así como do estado das masas de auga da demarcación e do avance do programa de medidas, das situacións de avenida e escenarios no que a seca prolongada e escaseza conxuntural refírese.

Conforme á última avaliación realizada no ano 2021, 219 masas de auga superficiais alcanzan o bo estado das 279 delimitadas (un 78,49 %). En canto ás augas subterráneas o 67 % delas alcanzan o bo estado e 2 diagnosticáronse como malo. O grao de avance do programa de medidas é do 57,50 %, executándose un investimento de 252 millóns de euros.

 

 

Situación de seca

Por outra banda, e en cumprimento do plan especial de actuación en situacións de alerta e eventual seca, expuxéronse os principais datos hidrometeorológicos do ano hidrolóxico 2021/2022 recentemente finalizado, así como os do ano 2022/2023 comezado o pasado 1 de outubro.

Constatouse que o ano hidrolóxico 2021/2022 foi o segundo ano máis seco da serie histórica, 1980–2021, tras o ano 2016/2017, rexistrándose unha precipitación acumulada media de 694,6 l/m2, un 39% por baixo da media histórica.

No relativo ao ano hidrolóxico recentemente iniciado (2022/2023), a precipitación acumulada media na demarcación ata o 20 de novembro é de 284,8 l/m2, un 21% por encima da media. Con todo, se se ten en conta a choiva acumulada media nos últimos 12 meses, esta segue estando por un 25% por baixo dos valores habituais para a época do ano, polo que a situación de seca prolongada continúa en todo o territorio da demarcación.

Da mesma forma os encoros atópanse ao 45,22% da súa capacidade máxima. Este volume é un 4,92% maior que a cantidade de auga embalsada hai un ano, 40,29%, e un 7,98% menor que a enchida media histórica nestas datas do ano, 53,2%. Os caudais circulantes polos leitos seguen aínda unha media do 29% por baixo do habitual.

Por tanto, aínda que as choivas rexistradas durante outubro e novembro contribuíron a mellorar a situación, o déficit de precipitacións acumulado nos últimos 12 meses fai que o escenario de seca persista. As predicións a medio prazo ata o final do mes de xaneiro parecen prever unhas precipitacións dentro das habituais e por iso, a unha mellora dos escenarios actuais.

Artigos relacionados

Back to top button