OurenseÚltima hora

“O sorriso dos nenos, o mellor”

Rocío Salgado da vida ao afamado boneco de madeira no musical “Pinocho” da compañía viguesa Educateatro Produccións
Rocío Salgado (Verín 1992), estudou Arte Dramático na ESAD de Galicia.

Verinesa de nacemento (1992), Rocío Salgado estudou Arte Dramático na ESAD de Galicia e mañá, 8 de xaneiro ás 18:00 horas, estará no Auditorio de Ourense para representar o musical “Pinocho”, unha proposta da compañía viguesa Educateatro Produccións, na que ela ten o papel protagonista, e xúntase no escenario con personaxes como a Fada Mimadriña, Pepiño Grilo ou Gepetto.

Contenta por actuar na casa?
Si moito. Canto máis preto da casa máis contenta. Para min o Auditorio é unha praza xa coñecida, pero non me canso, é incrible ese sitio.

Que contades, ou cantades, en “Pinocho”?
Imos facer a historia de sempre, a que é máis coñecida. O que pasa que nós démoslle unha voltiña e o fixemos máis máxico e en musical, para que os nenos participen.

Non é a primeira vez que estás diante do público infantil. Son máis esixentes os nenos ou os adultos?
Os nenos. Porque son moi naturais e os fallos cóllenos enseguida, e cho van facer saber. Ademais, se algo non lles gusta tamén o din.

Pero son agradecidos tamén.
Claro, son un público máis difícil pero logo son moi agradecidos. Ao final do espectáculo os personaxes facemos fotos cos rapaces e aí e onde se ve. O sorriso dos nenos é o mellor do traballo.

Como é dar vida a Pinocho?
A primeira característica que tiven que ter en conta foi que é un boneco de madeira e que logo convertíase a neno, non a nena. Esas eran as dúas cousas que tiña que ter presentes á hora de preparar este personaxe. Logo tamén tiven que aprender a facer maxia, porque o espectáculo é moi máxico e Pinocho tamén fai trucos en escena.

Supoño que para achegarte aos nenos tamén tes que ter ti algo infantil…
Claro que si. Sempre hai que ter algo aí gardado da infancia e dos recordos. Eu creo que tamén iso me conecta bastante cos nenos, porque non teño a infancia moi lonxana (ri).

Pero non só hai pequenos na sala. Tamén buscades divertir aos adultos en “Pinocho”?
Evidentemente. Creo que é moi importante que os adultos queiran traer aos nenos ao teatro. Sempre hai que darlles algo para que eles tamén o pasen ben.

Agora estás con “Pinocho” pero, en que outros proxectos estás a traballar?
Nun montón. O mellor sería dicir que proxectos non teño. Estou tamén en Avento Producións, que é outra compañía teatral infantil. Pero este ano fixemos unha proposta para o mundo adulto que se chama “BU21”, que trata sobre un atentado terrorista e as vítimas.

Back to top button