SanidadeÚltima hora

Os hospitais da área sanitaria ourensá súmanse á celebración do Día do Libro

 

Os hospitais da Área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras súmanse ás celebracións do Día do Libro cunha actuación conxunta coa Agrupación Provincial de Libreiros de Ourense co obxectivo de promover a cultura e acercar o hábito da lectura aos usuarios.

No acto de presentación desta iniciativa participaban o xerente da Área Sanitaria, Félix Rubial; a xefa de Servizo de Atención ao Paciente e Humanización; Belén Piñeiro, o presidente da Agrupación Provincial de libreiros de Ourense, José María García Mosquera; a vicepresidenta, Pilar Rodríguez Álvarez, e o xefe de Cociña do CHUO, Antonio Pazos; o xefe de Servizo de Pediatría, Santiago Fernández Cebrián, a supervisora de Pediatría, Montserrat Padrón, e a mestra da Escola de Pediatría, Vanessa Fernández, e a responsable das cafeterías APETÉCEME de Ourense, Tamara Ramos.

Esta colaboración naceu o ano pasado, no marco das actuacións que periodicamente se desenvolven nos centros hospitalarios co gallo da promoción da lectura, non só dos máis pequenos, xa que un libro é unha das “prescricións” máis saudables no entorno sanitario, e na maioría dos casos supón a vía máis rápida para deixar atrás os muros do hospital, as preocupacións e o tempo.

Actos para o luns 22 de abril

Os actos do Día do Libro na Área Sanitaria ourensá comezaban hoxe luns coa entrega de libros por parte do presidente da Agrupación Provincial de libreiros de Ourense, José María García Mosquera, e a vicepresidenta, Pilar Rodríguez Álvarez, aos cativos e cativas ingresados na planta de pediatría do Hospital Materno Infantil, ademais dunha doazón de varios exemplares que completarán as coleccións de libros que están sempre a disposición dos rapaces ingresados e dos seus pais, nais e familiares, na ciber@ula da unidade.

Tamén mañá a partir das 11:50 horas os nenos e nenas ingresados terán a oportunidade de gozar dun encontro literario coa escritora da comarca de Limia, Sabela Veloso, que lles presentará o seu libro “El bosque rojo” e respostará ás preguntas destes pequenos lectores. A novela de Sabela foi escrita en gran parte durante a pandemia e cultiva o xénero do misterio que lle gustou desde sempre. O pobo no que está inspirada non está nin na Limia nin en Galicia, se non que é un pobo imaxinario. A historia comeza cunha moza que vive nunha aldea un pouco apartada ao que chegan uns veciños e a protagonista alíase cun deses novos veciños para descubrir a “mafia” que a persegue.

 

 

Actos para o martes 23 de abril

Ás nove da mañá do mesmo Día do Libro, os pacientes ingresados no Hospital Universitario de Ourense, Hospital de Piñor, Hospital Público de Verín e Hospital Público de Valdeorras recibirán o agasallo dun marcapáxinas na bandexa do seu almorzo xentileza da Agrupación Provincial de Libreiros de Ourense, que contén un código QR onde poderán consultar todas as librarías da agrupación e as súas recomendacións de lectura.

Seguidamente a APLO instalará unha mesa da Feira do Libro ao vestíbulo principal do edificio Cristal entre as 10.00 e ás 13.00 horas, co obxectivo de promover o hábito da lectura aos usuarios xa que un libro é unha das “prescricións” máis saudables no entorno sanitario.

Asemade o quiosco da Fundación Once tamén secunda estas iniciativas de promoción da lectura e manterá instalada un ano máis e durante todo o día unha mesa no vestíbulo principal do novo edificio de hospitalización, onde presentará as novidades editoriais a todos os usuarios que visitan o hospital.

Tamén as cafeterías Apetéceme do Hospital Universitario de Ourense iniciaron o 12 de abril unha campaña de recollida de libros, contos e cómics, que serán entregados posteriormente ao Servizo de Humanización da área sanitaria o mércores 24 de abril para o seu reparto aos pacientes ingresados nos distintos centros sanitarios ourensáns.

Son moitas as iniciativas da Área Sanitaria para facilitar o acceso aos libros, tanto vehiculizando as doazóns cara os pacientes, como mantendo periodicamente un sistema de préstamo, co carriño dos libros, que percorren as plantas grazas ao traballo dos voluntarios de Apetéceme ser Amig@ da Área Sanitaria.

Un libro “prescrición” saudable

«Pequenos pacientes, grandes lectores» é a iniciativa mais recente, no marco do convenio coa “Fundación Cultura en Vena”. Está dirixida a estimular a escritura dos pacientes ingresados, de entre 7 e 16 anos, escribindo un conto que formará parte dunha biblioteca dixital accesible para as persoas ingresadas nos hospitais participantes de todas as idades, promovendo deste xeito a lectura e a reconexión coa infancia, tan necesaria durante un ingreso.

A unidade de hospitalización pediátrica, na terceira planta do edificio Materno Infantil, conta desde hai dous meses cunha exposición do programa “Pequenos pacientes, Grandes Lectores” que presenta de xeito visual e ameno unha escolma de contos seleccionados, incluindo un pequeno resume e citando aos seus autores e hospital de orixe, cun codigo bidi que da acceso directo á obra elixida.

Artigos relacionados

Back to top button