OurenseÚltima hora

Os presidentes provinciais asinan a “Declaración de Segovia”

Neste documento, os xefes dos gobernos provinciais reclaman máis flexibilidade fiscal, recuperar o financiamento para os plans de cooperación e mellor definición de competencias
Derradeira xornada da III Conferencia de presidentes provinciais.

A III Conferencia de presidentes provinciais, que hoxe, 6 de outubro, celebrou en Segovia a súa derradeira xornada, concluíu coa denominada “Declaración de Segovia” na que os representantes dos gobernos locais intermedios de España solicitaron reformas lexislativas “para mellorar as facendas provinciais e para reforzar o papel das deputacións, cabildos e consellos Insulares na configuración do territorio”. Segundo reza o documento, os presidentes piden que haxa máis flexibilidade fiscal, recuperar o financiamento para os plans provinciais de cooperación e unha mellor definición de competencias.

Neste sentido, o presidente da Deputación, Manuel Baltar, avoga por un “verdadeiro equilibrio territorial no que atinxe ao financiamento, dado que os gobernos provinciais cumpren economicamente”. Baltar defende que se abra o debate do financiamento local e autonómico e se poida chegar a unha reforma do sistema de financiamento, necesaria para incrementar os ingresos dos gobernos provinciais, que sexan acordes cos novos gastos nos que incorran para poder asumir as competencias que teñen e lles poidan ser recoñecidas”.

O presidente do goberno provincial afirmou que os gobernos provinciais “reclaman máis competencias e financiamento”, destacando: “Vertebramos o territorio e somos a concreción real de postulados como a descentralización ou a desconcentración”, e remarca que o modelo de Deputación, a medio prazo, “debe evolucionar cara á consultoría integral a concellos. Músculo de persoal para exercer servizos públicos de calidade”.

Xuntanza dos presidentes.

A “Declaración de Segovia” pon punto final a este encontro de máximos dirixentes provinciais, que terá a súa vindeira cita en Granada, en outubro de 2018, tras os relatorios celebradas en Ourense, Badaxoz e Segovia. A declaración acordada hoxe demanda flexibilizar os parámetros fiscais ante o feito evidente da positiva contribución da Administración Local á redución dos niveis de débeda e déficit públicos, e considerando que o impacto de gasto público local en relación co do conxunto do sector público non é moi significativo en termos absolutos, deberíanse adoptar medidas como: a incorporación do remanente de tesourería positivo sen que afecta á determinación do déficit ou superávit en termos de estabilidade orzamentaria; e eliminar o cumprimento da regra de gasto para aquelas entidades que liquidaran tres exercicios consecutivos con superávit.

No que atinxe á recuperación do financiamento estatal para os Plans Provinciais, a Declaración recolle que a cooperación económica das Administracións de ámbito territorial superior resulta claramente necesaria para articular, a través das Deputacións Provinciais, Cabildos e Consellos Insulares, as obras e servizos dos pequenos municipios cuxas necesidades son crecentes e cuxos recursos son escasos”, en engade: “A cobertura técnica, xurídica e financeira aos nosos pobos é absolutamente imprescindible, sobre todo ante realidades tan obvias como o envellecemento e o despoboamento”. “A actualidade obríganos a demandar estas axudas para paliar os dous grandes retos que existen na actualidade: a creación de postos de traballo e a fixación de poboación nos municipios, o que esixe a recuperación nos Orzamentos Xerais do Estado e das Comunidades Autónomas das citada liñas de cooperación ás obras e servizos municipais” sinala o escrito.

Finalmente, a Declaración cita como “un dos retos importantes” para o reforzamento das Deputacións, Cabildos e Consellos Insulares “a correcta definición das competencias que lles corresponden, mantendo as que se veñen exercendo, ademais de concretar e potenciar a función coordinadora dos servizos municipais, así como a súa forma de exercicio, e fomentar as fórmulas conxuntas de prestación de servizos, que permitan cos gobernos locais intermedios poidan asumir o papel de prestadoras de servizos aos cidadáns como subsidarias da inactividade municipal.

Asemade, os presidentes provinciais concordan en que as Deputacións, Cabildos e Consellos Insulares, a demanda dos municipios, poidan asumir como propias algunhas competencias municipais nos casos en que estas non poidan ser desenvolvidas no ámbito local; aumentar a asignación doutras competencias propias, máis aló da cooperación e asistencia municipal, a través dunha planificación provincial propia; delimitar a escala idónea para o exercicio de cada competencia, permitindo o reforzamento destes gobernos pola vía da atribución de competencias substantivas e materiais no ámbito supramunicipal, e, considerando que a provincia é ámbito territorial idóneo para exercer competencias autonómicas, permitir que estas poidan ser delegadas nas Deputacións, Cabildos e Consellos Insulares.

Artigos relacionados

Back to top button