ConcellosParada de SilSoberÚltima hora

Parada de Sil e Sober, entre os 9 concellos distinguidos coa bandeira verde de Galicia

Este recoñecemento pon en valor "o traballo e esforzo dos concellos para impulsar iniciativas e avanzar nunha xestión responsable dos residuos, na eficiencia enerxética ou no cambio climático"

 

A Xunta vén de facer pública a concesión de nove bandeiras verdes de Galicia a outros tantos concellos, co fin de “recoñecer o seu esforzo e a súa implicación, así como dos seus veciños, na protección dos elementos máis representativos da Comunidade galega: a paisaxe e o patrimonio natural”.

Así, ao abeiro da segunda convocatoria, os municipios de Curtis, Ordes, Alfoz, Mondoñedo, Parada de Sil, Outeiro de Rei e Sober acadan por primeira vez a bandeira verde de Galicia; mentres que Porto do Son e Moaña revalidan este recoñecemento, despois de que na primeira edición –a de 2020- foran os primeiros e únicos concellos que ondearon o distintivo.

O devandito recoñecemento, creado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, estaba aberto a todos os concellos de Galicia que desenvolveran actividades relacionadas coa ordenación territorial, a protección do medio ambiente, o cambio climático, a eficiencia enerxética, a xestión responsable dos residuos, así como accións de sensibilización e comunicación para concienciar aos veciños da importancia de actuar e avanzar nestes eidos.

Deste xeito, distínguese ás entidades locais máis dinámicas neste eido, desenvolvendo boas prácticas para o coidado da súa contorna, o respecto á paisaxe, a redución das súas emisións de CO2, o fomento da correcta xestión do lixo, a adopción de medidas para garantir a integridade e limpeza de espazos de interese, a posta en valor de monumentos naturais ou a redución do consumo enerxético.

Con estes galardóns, a Xunta quere “premiar a aqueles concellos que destacan polas súas boas prácticas ambientais de conservación e protección da paisaxe, ao tempo que se converte nunha correa de transmisión entre o traballo que fan as administracións locais e a implicación da cidadanía. Así mesmo, son un xeito de poñer en valor a rica e extensa diversidade paisaxística de Galicia e de apuntalar a idea de Galicia verde”.

Artigos relacionados

Back to top button