OurenseÚltima hora

Parada de Sil instala unha caldeira de biomasa na Fábrica da Luz

"Trátase da consolidación da aposta clara do Concello polas enerxías limpas, que ven a resolver unha eiva que tiñamos neste complexo recreativo-cultural", di o seu alcalde

 

Na súa aposta polas enerxías limpas, o Concello de Parada de Sil vén de instalar unha caldeira de biomasa para dotar de calefacción e auga quente ao complexo da Fábrica da Luz en Barxacova. O proxecto de instalación desta caldeira de pellets contou cun orzamento total de 28.575,36 euros, dos cales a Administración autonómica achega a través do Feder 22.860 euros, que é o 80% do total, en tanto que o 20% restante apórtao o propio Concello de Parada, cun investimento de 5.715 euros.

Os traballos para esta infraestructura municipal están xa rematados, segundo o alcalde, Aquilino Domínguez, quen agradece o respaldo da Administración autonómica, que “demostra que a colaboración institucional procura mellores servizos para os cidadáns”.

Domínguez apunta tamén que “trátase dunha consolidación da aposta clara do Concello polas enerxías limpas, que ven a resolver unha eiva que tiñamos na Fábrica da Luz, que é un complexo recreativo-cultural que conta cunha importante actividade ao longo do ano”. Sen embargo, “ata o de agora, debido á sua ubicación e á difícil orografía do lugar, apartado dos núcleos habitados, tiña algúns condicionantes, como a falla de subministro eléctrico”, afirma o rexedor, quen avanza que “seguiremos traballando para incrementar a dotación material nese lugar, e neste senso a nova caldeira de biomasa é un bo expoñente”.

Esta iniciativa conta coa cofinanciación do Instituto Enerxético de Galicia para proxectos de enerxías renovables térmicas, así como da Unión Europea a través do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, destinado a conseguir unha economía máis limpa e sostible: “unha maneir ade facer Europa”, segundo reza no seu eslogan.

 

Artigos relacionados

Back to top button