CulturaCulturaÚltima hora

Participación ourensá na campaña arqueolóxica no campamento romano da Ciadella

Na intervención descubriuse un gran patio, saíu á luz un novo tramo da ‘via sagularis’, identificouse un gran ‘horreum’ e documentouse un pórtico monumental

 

Conclúe a campaña arqueolóxica que se vén realizando dende marzo no campamento militar romano da Ciadella en Sobrado (A Coruña). Nela saía á luz un gran patio no centro das estancias xa coñecidas e rexistrábase por completo unha superficie de 1.800 metros cadrados. Ademais, ao longo dos traballos tamén se descubríu un novo tramo do camiño perimetral do forte romano, a via sagularis, no exterior do campamento.

Esta actuación de conservación-restauración, que permitiu determinar as diferentes fases de ocupación do xacemento, está sendo realizada por técnicos da Universidade de Vigo e analizado no Campus de Ourense.

Entre os achados destaca a identificación dun gran horreum de planta rectangular destinado a gardar os alimentos das tropas ou a documentación dun pórtico monumental no edificio principal que supón un exemplo único do Imperio Romano neste tipo de construcións. Así mesmo, tamén foi posible definir as fases cronolóxicas de ocupación deste xacemento, determinando que a súa construción foi no século I despois de Cristo, o que supón que se realizou catro décadas antes do que se pensaba.

Aínda que os técnicos continúan analizando os restos, estableceuse tamén que os militares abandonaron o asentamento a finais do século III e que as estruturas foron reutilizadas como vivendas e talleres ata o século VII. Ademais, os traballos tamén permitiron recuperar milleiros de restos, especialmente de cerámica, pero tamén de vidro e metal, así como moedas.

Todo o material recuperado está sendo estudado nos laboratorios do GEAAT (Facultade de Historia), no campus de Ourense. En paralelo, estanse a desenvolver estudos multidisciplinares que abarcan desde datacións de carbono 14 (Beta Analytic) e termoluminiscencia (Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal da UDC), estudios de caracterización de morteiros (Escola de Minas da UVigo), estudios de arqueobotánica (Universidade de Porto) e tamén de zooarqueoloxía (U. de León).

 

 

Este sábado, concidindo co remate da campaña, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, visitaban o campamento. Neste proxecto a Xunta inviste preto de 240.000 euros e está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (80%), no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Artigos relacionados

Back to top button