CulturaCulturaEntroido 2023OpiniónÚltima hora

Pó-lo carro diante dos bois

Artigo de Pedro Basalo Bembibre sobre a ViBomask, as mascaradas e os entroidos

 

Poucas cousas hai tan gratificantes como ve-la túa vila chea de ilusión, de cultura e de xente respectuosa. Cómpre incidir nestes aspectos porque un lugar pode reunir moitas persoas en calquera momento, mais, cando hai un entusiasmo compartido, xérase unha enerxía e unha harmonía na comunidade que consegue facer do ordinario algo extraordinario. Precisamente, xuntanzas como a de ViBoMask son as que dan conta dese ambiente, no cal se reafirman uns valores e unha identidade. Aínda así, de vez en cando, é preciso rebaixar un chisco a paixón pra pensar de xeito sereno e razoable.

A todos nos gusta o recoñecemento dos outros (e máis se é polo traballo ben feito), pero a precipitación non adoita traer nada positivo. Isto vén a conto de que o ano pasado tivo certo eco na prensa provincial unha iniciativa pra declarar ViBoMask como Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade. É de agradecer ese talante colaborador dos medios, autoridades e institucións; non obstante, hai que ter claro o que se apoia e a maneira de facelo, xa que un discurso mal enfocado pode desvia-la atención respecto do que se quere conseguir.

ViBoMask naceu pra irmanda-las diferentes mascaradas da Península Ibérica. A súa mensaxe é clara: non ten sentido sublimar unhas e deostar outras porque, no fondo, todas conforman unha mesma tradición, só que con diversas manifestacións locais. Polo tanto, a idea a longo prazo é conseguir que tódalas mascaradas ibéricas sexan declaradas Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade. Como é lóxico, en parte polos procedementos da Administración, haberá que comezar polo eido local pra despois ir abranguendo círculos máis amplos; o esencial é irmos todos da man, dado que, tal e como están as cousas, só sumando esforzos se pode acadar dito recoñemento. Ademais, nun momento tan crítico prá cultura tradicional como o que estamos a vivir, supón case unha obriga moral documentar este patrimonio pra que as xeracións vindeiras poidan gozar e aprender del.

Agora ben, explicada a grande axuda que ofrece ViBoMask como escaparate e lugar de encontro, convén facerse a seguinte pregunta: ¿ten sentido recoñecerlle o mérito ó evento da Mascarada Ibérica antes cás tradicións que a integran? En principio, non parece moi xusto sobrepor un festival que leva sete edicións de existencia a uns entroidos e mascaradas que son, en bastantes casos, centenarios. Se cadra en cuestións de interese turístico, por exemplo, a cantidade de público asistente ou a rendibilidade económica, a Mascarada avantaxa os entroidos, mais o valor cultural dunha tradición (e, por conseguinte, o pretendido estatus de Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade) mídese por outros parámetros, como a traxectoria histórica da festa ou a súa importancia antropolóxica. En fin, que se debe xulgar cada cousa consonte o que é: ViBoMask é un evento turístico moderno (unha representación que reúne varias tradicións), mentres que os entroidos e as mascaradas son festas rituais que veñen de vello (son, propiamente, a tradición).

 

De esquerda a dereita: Festival ViBoMask (A. Ortiz) e actuación da comparsa nunha aldea (Mercedes Saavedra).

 

Resumindo: non confundámo-las xuntanzas de mascaradas coas tradicións orixinais e coidémo-las manifestacións xenuínas de cada lugar co propósito de salvagarda-la diversidade cultural herdada e avanzarmos cara a un recoñecemento conxunto. De nada serve xerarquiza-las mascaradas, pois ata a máis humilde ten un inmenso valor por si mesma. Como me dixo unha vez un experimentado fotógrafo, estas celebracións constitúen os restos dun naufraxio cultural de hai moito tempo, que apuntan unha orixe e unha natureza comúns. Por desgraza, a competencia desmedida e a velocidade dos tempos actuais tenden a abafa-lo verdadeiramente importante (que require dedicación e tempo), así que ollo con pó-lo carro diante dos bois.

Texto: Pedro Basalo Bembibre.

Artigos relacionados

Back to top button