En portadaPolíticaÚltima horaVídeos

Ponse en marcha a XII Lexislatura do Parlamento galego

Esta mañá tiña lugar a sesión constituínte na que tamén se elixían aos membros da Mesa do Parlamento, que presidirá novamente o ourensán Miguel Santalices (PP)

 

“Declaro constituído o Parlamento de Galicia na súa XII Lexislatura”. Con esta frase pronunciada polo recén elixido presidente da Cámara, o ourensán Miguel Ángel Santalices Vieira, remataba a sesión que a Cámara galega celebraba esta mañá e na que tomaban posesión dos seus cargos os 75 deputados electos nos comicios do pasado 18 de febreiro: 40 do PP, 25 do BNG, 9 do PSdeG-PSOE e 1 de Democracia Ourensana (DO), formación que se estrea no Parlamento galego. O pleno iniciábase ás 11h. coa constitución da mesa de idade, que presidía o deputado lucense do PP José Manuel Mato Díaz, ao ser o maior idade, e da que tamén formaban parte Raúl Santamaría e Iago Suárez Fernández, os deputados máis xoves.

Nun breve discurso previo á elección dos membros da Mesa do Parlamento, Mato Díaz (PP), destacaba que este “honroso papel, marcado polo regulamento e por unha circunstancia causada só pola cronoloxía e os hábitos parlamentarios, para min é un fito na miña historia persoal e política. Supón entrar nunha nova etapa política á que hoxe accedo, coa responsabilidade dun cometido trascendental, e coa satisfacción inmensa de entrar vindo do mundo da política local, con case medio século de dedicación, nunha dimensión diferente no que agardo seguir sendo útil ao meu país e á miña xente”. Ademais tiña unhas palabras especiais, “como municipalista convendido, de aproveitar este momento para suliñar o labor que se fai nos concellos galegos, especialmente nos pequenos, no rural, onde alcaldesas e alcaldes, concelleiros viven a pé de obra e traballan para solucionar os problemas do día a día”.

 

 

A partir de aí o secretario daba lectura ao decreto de convocatoria de elección e á relación de deputados electos e, deseguido, comezaban as votacións para elixir aos integrantes da Mesa do Parlamento en cada unha de las os deputados facían uso dunha papeleta de diferente. A primeira delas, cun voto de cor branco, era para determinar a presidencia. O elixido era Miguel Ángel Santalices (PP) con 40 votos, fronte a 34 votos en branco e 1 voto que ía para Armando Ojea, de D.O.

 

 

Nunha segunda votación, con papeleta de cor verde, escollíanse os cargos de vicepresidenta primeira, que lle correspondía a Elena Candia (do PP, con 40 votos) ao ser a máis votada, sendo a vicepresidencia segunda para Montserrat Cores (BNG, con 34 votos), logrando Armando Ojea un único voto. Finalmente, votábanse, con papeleta amarela, os cargos de secretaria, que recaía en Ethel Vázquez (PP, con 40 votos) e o de vicesecretaria, que era para Patricia Iglesias (do PSdeG, con 34 votos), mentres que Armando Ojea rexistraba 1 voto.

 

 

Tras darse a coñecer o escrutinio, os membros da Mesa do Parlamento situábanse nos postos e comezaba a toma de posesión do 75 deputados da XII Lexislatura, que xuraban ou prometían os seus cargos dende o seu escano. No caso do 25 parlamentarios do BNG, estes acudían cun libro de “Sempre en Galiza” de Castelao e un caravel vermello, e tomaban posesión usando a mesma fórmula: “prometo por imperativo legal e comprométome a defender os dereitos nacionais e sociais do pobo galego”.

 

 

A continuación o presidente do Parlamento pronunciaba un breve discurso, que iniciaba cun saúdo ás persoas que asistían a este pleno e expresando novamente o seu cariño por esta cámara, á que considera a súa segunda casa. “É a miña oitava lexislatura e reafírmome no que dixen na miña primeira toma de posesión”. E lembraba as palabras do seu pai cando decidíu entrar no mundo da política. “Díxome: vas arruinar unha carreira interesante de xestión de sanitaria, pero o máis importante é que ti tes moitos defectos, e eu perdónochos porque son o teu pai, pero a partir de agora que saibas que todos os defectos que tes chos van airear. Non se equivicou e é algo sobre o que todos deberíamos reflexionar. A ver se somos capaces de non darlle a razón ao meu pai e enterremos iso que tanto dano nos fai a nós mesmos”.

 

 

Santalices tamén adiantaba que esta ía ser a súa derradeira toma de posesión e manifestaba unha serie de agradecementos, en primeiro lugar, “ao meu grupo e personalizo no presidente, polo seu apoio e por confiar en min”. Tamén agradecía a todas as persoas que ao longo do seu percorrido político “confiaron en min”, aos anteriores presidentes do Parlamento “dos que aprendín moito” e “quero ter presentes neste día, que para min é moi importante, ao persoal do Parlamento, tamén “aos traballadores sanitarios e do ámbito social”, aos compañeiros da anterior Mesa do Parlamento “valoro a súa lealde, o traballo e que actuaramos como un vestiario único”, aos portavoces, ao persoal do “meu gabinete” e á miña familia “hoxe aquí representada pola miña dona a quen lle agradezo a súa xenerosidade e apoio”.

 

 

O presidente da Cámara galega finalizaba o seu discurso expresando un “desexo para todos, ogallá esteamos á altura da confianza que a xente depisitou en nós co seu voto. Iníciase unha lexislatura e pídolles que colaboremos todos”. E, como desexo persoal, “se hoxe houbese un trasno aquí e eu puidera pedir un desexo e que se cumprira tiña claro que ía ser a paz mundial, acabemos coas guerras, que só traen sufrimento e descalabro”. Despois, tras declarar constituída a nova lexislatura, os asistentes poñíanse en pé para escoitar o himno galegos.

 

 

Ana Pontón (BNG): “Faremos unha oposición centrada en mellorar a vida das persoas”

Tras a sesión constitutiva da nova lexislatura, a portavoz nacional do BNG e deputada, Ana Pontón, avanzaba que o seu grupo parlamentario “fará unha oposición en positivo, centrada en mellorar a vida das persoas e en poñer sobre a mesa alternativas”.

Ademais aseguraba que o BNG empregará todo o apoio obtido nas urnas en todo co que se comprometeu coa cidadanía durante a campaña electoral. “Estes 25 deputados e deputadas van servir para seguir defendendo a sanidade e a educación públicas, unha mellor atención ás persoas maiores, un cambio de modelo enerxético, o medio ambiente ou para darlle futuro á mocidade”, exemplificou para advertir que as eleccións galegas “non cambian cales son os problemas que ten a cidadanía”.

Por iso, Pontón recalcou que a formación nacionalista fará “o que entendemos que é facer política” e que pasa por poñer no centro ás persoas, con solucións para mellorar a súas vidas e evidenciar, deste xeito, que “hai outras alternativas diferentes ás que representa o Partido Popular”.

 

 

Besteiro (PSdeG): “A nosa oposición será firme, responsable e construtiva”

Pola súa banda, o responsable do Grupo Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, comprometía unha oposición “con ambición de país” que dea “voz a tódalas galegas e galegos sen deixar a ninguén atrás”. E anunciaba unha oposición “firme, responsable e construtiva” na defensa dos dereitos sociais e coa mirada posta na blindaxe dos servizos públicos. Comprometeu a aposta por “confirmar e apoiar iniciativas que xeren a mellora económica de Galicia”, para que avance cara o obxectivo de converterse “nun país que pese no Estado” aproveitando as súas potencialidades económicas, “que son moitas”.

José Ramón Gómez Besteiro comprometeuse a darlle “voz a tódolos galegos e galegas”, independentemente do sentido do seu voto, e de artellar unha oposición dirixida a “elevar o nivel da Xunta de Galicia”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Os catorce deputados por Ourense toman posesión do seus cargos no Parlamento galego

Artigos relacionados

Back to top button