En portadaÚltima hora

Preséntase “Monforte, 1951-52”, libro póstumo de Yosso, o 18 de maio no seu museo no Bolo

A obra, con cuxa publicación a familia ve cumprido o desexo deste artista de Valbuxán, conta como con 8 anos deixaba a súa casa para estudar nos Escolapios de Monforte

Xosé de Valbuxán-Yosso nunha imaxe tomada durante unha exposición con parte da súa obra de Vilariño de Conso./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Case tres anos despois da morte do valdeorrés José Porto García, pintor e escritor coñecido artísticamente como Xosé de Valbuxán ou Yosso, sae do prelo o seu libro “Monforte, 1951-52”, que deixara escrito pero non puido ver publicado. Nel conta a súa experiencia no ano que deixou a súa casa para estudar no Colexio dos PP. Esculapios de Monforte de Lemos

“Finou o 31 de agosto de 2019 desexando ver publicado este libriño que lle inspirou o Pai Santiago, con historias que o fixeron retroceder á súa infancia e a aquel primeiro ano fóra da casa, lonxe dos seus e do espazo coñecido. Complicado poñerse na súa pel e saber ata que punto influiu isto na súa peripecia vital”, explican dende a súa familia, que se afanou por cumprir ese desexo do poeta e agora vén de publicalo. O libro será presentado o vindeiro 18 de maio no Museo YOSSO no Bolo.

“Aquí só trato de recuperar (é un dicir) un ano da miña vida, do meu pasado. Aquel primeiro ano no que con nove anos (faltaban 5 meses para cumprilos) me levaron ós Escolapios de Monforte…”, escribía Yosso nesas páxinas.

O libro, con prólogo de Francisco Javier Agudo Sch. P. (director-xerente da Fundación do Colexio Nosa Señora da Antiga) non está escrito en galego normativo, matizan dende a súa familia, “pero decidimos mantelo así, porque así foi concebido por el cando nin sequera normativa respecto do noso idioma tiñamos”, comenta a súa familia.

 

 

Ademais a publicación coincide co 150 aniversario da chegada da Orde Escolapia a Monforte de Lemos para rexentar o Colexio da Nosa Señora da Antiga. Na presentación do libro no Museo YOSSO, custodio da obra deste artista, que aínda que non se abriu ao público ata o 16 de xullo de 2022, foi inaugurado o 21 de maio, intervirán Aurelio Blanco Trincado, presidente do Instituto de Estudos Valdeorreses e o xornalista José Manuel Rubín e o historiador Isidro García Tato.

Trátase dun acto, aberto ao público, de homenaxe a este poeta, no que ademáis de presentar o libro, faranse lectura das súas poesías. Ademais animarase aos asistentes a que lean os seus versos e farase unha visita de balde ao museo. Tamén haberá música. Dende o Concello do Bolo animan animan á veciñanza deste municipio e da comarca de Valdeorras a que visiten o museoo 18 de maio e participennas actividades.

 

Artigos relacionados

Back to top button