ConcellosEn portadaGalerías de fotosÚltima horaViana do Bolo

Punxeiro (Viana do Bolo) vibra coa XV Festa da Vendima, que reunía a unhas 1.500 persoas

A organización traballa para solicitar que se declare festa galega de interese turístico

 

As rúas de Punxeiro (Viana do Bolo) enchíanse na noitiña do sábado 14 de outubro de música, gastronomía, viño e de multitude de persoas con panos verdes e cuncas nun ambiente festivo moi especial. Esta aldea celebraba unha exitosa edición da Festa da Vendima, e xa van quince, abrindo as súas adegas ao público. A iniciativa, froito do esforzo veciñal e do apoio de diversas empresas e entidades, reunía a unhas 1.500 persoas, segundo a organización.

A celebración comezaba á noitiña na praza de Punxeiro, cunha serie de recoñecementos á persoas que colaboran con esta ruta e tamén a outras que, ano tras ano, se mateñen fieis a esta cita. Así entregábanse xarras empregadas durante as 14 edicións anteriores para servir viño á mocidade de Porto (recollida por Sole), a un grupo de Fene (que lle era entrega a Olaia) e ao IES Carlos Casares de Viana do Bolo “por todo o seu labor social e por traer a esta festa ao alumnado de Polonia que está a participar nun intercambio con este centro”. A xarra era recollida por Ovidio, un dos profesores.

 

 

Ademais neste acto de apertura da festa, un dos membros da organización, Jorge Domínguez, adiantaba que se está a traballar para solicitar que este evento sexa declarado festa galega de interese turístico. Tamén destacaba o esforzo e o traballo que supón para esta aldea, “con 17 casas abertas durante o ano”, afrontar a organización dunha ruta deste tipo, de forma que, ademais de poñer en valor o labor veciñal, tamén agradecía o apoio “dos negocios que nos patrocinan, do Concello de Viana do Bolo e da Deputación de Ourense”.

Os asistentes desfrutaban dunha ampla gama de petiscos (salgados e doces), acomañados de viños (brancos e tintos) e tamén de auga.

 

A XV Festa da Vendima de Punxeiro (Viana do Bolo), en vídeos

 

Tras explicar brevemente a mecánica da ruta, e facerlle unha dedicatora “ás mais do meu pobo”, dende a organización, poñíase en marcha o traxecto festivo. O percorrido a seguir era marcado por tres grupos musicais (BBB, Cansibailas e Bicoia), que se ían detendo, cada un deles, diante dunha adega. Esas tres adegas iniciais, logo pechaban para, a continuación, abrir outras tres novas, tamén marcadas polos grupos, e así ata completar as 17 do evento.

 

 

Entre os asistentes á ruta había tamén presenza internacional, en concreto, dalgunhas persoas da zona de Bragança, que ademais acostuman asistir á mascarada ibérica, como un grupo de Caretos. Por outra banda, xente dos grupos de Guadalaxara, Asturias e dos Xenerais do Ulla que tamén adoitan formar parte da mascarada colaboraban tamén neste evento.

 

 

A partir das 23h. pechaban as adegas e a celebración trasladábase ao campo da festa, onde continuaba ata a madrugada, con música e baile da man do grupo América de Vigo e coa orquestra Tango. Esta ruta estaba organizada pola Comisión de Festas de Punxeiro en colaboración co Centro de Animación desta mesma aldea. Ademais contábase co apoio das agrupacións de voluntarios de Protección Civil de Viana do Bolo, do Bolo, da Gudiña e de Manzaneda.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button