EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Resultados das eleccións do domingo en 6 consellos reguladores, entre eles o da D.O. Valdeorras

 

Na xornada do domingo 19 de febreiro celebráronse sen incidencias, segundo a Xunta, as eleccións para a renovación dos órganos de goberno de seis consellos reguladores do ámbito agrolimentario galego, convocadas mediante a orde da Consellería do Medio Rural publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado 10 de novembro. Foron votar máis de 3.600 electores e a participación oscilou entre o 92,3 % na denominación de orixe (DO) Monterrei e o 26,6 % na DO Ribeiro.

Así, procedeuse coas votacións en determinados censos dos consellos reguladores das denominacións de orixe vitivinícolas Monterrei, Rías Baixas, Ribeiro e Valdeorras. Tamén, no da indicación xeográfica protexida (IXP) Mel de Galicia e no das IXP das Carnes de Vacún. En total, habilitáronse 21 mesas electorais, nas que estaban chamadas a votar nesta xornada máis de 9.500 persoas censadas -tanto físicas como xurídicas-. Non son a totalidade dos inscritos nestes consellos reguladores, xa que houbo moitos censos nos que se rexistraron candidaturas únicas e pactos de repartición.

Os resultados, unha vez realizado o escrutinio, foron os seguintes (nos censos nos que houbo votación):

Consello Regulador das IXP das Carnes de Vacún de Galicia

Tan só houbo votación no censo de gandarías tradicionais dentro do sector produtor e a lista máis votada foi a da Asociación de Gandeiros da Suprema. A participación foi do 37,4 %.

Consello Regulador da DO Valdeorras

As eleccións para renovar o Pleno do Consello Regulador da D.O. Valdeorras desenvolvéronse entre as 10,00 e as 17,00 horas de onte domingo. Un total de 222 viticultores e adegueiros censados exerceu o seu dereito a voto nas mesas electorais emprazadas no Barco e na Rúa (houbo dous votos nulos e un en branco).

Dentro do censo A para o sector productor e conformado por dos subcensos: o A1, integrado por aqueles viticultores que achegaran ao Consello Regulador un maior volume económico en concepto de cotas por actividad nos últimos tres anos naturais; e o A2 composto polo resto de viticultores, os resultados foron os seguintes:

Censo A1
Candidatura Independente “Viticultores Independentes de Valdeorras”-43 votos
Sindicato Labrego Galego-18 votos
Asociación Agraria de Galicia (ASAGA)-18 votos
UUAA-14 votos

Censo A2
Candidatura Independente “Viticultores Independentes de Valdeorras” – 70 votos
UUAA – 21 votos
Sindicato Labrego Galego-8 votos

Censo B2
Candidatura Independente “Adegas Calidade Valdeorras” – 17 votos
Asociación Agraria de Galicia (ASAGA) – 10 votos

No subcenso B1, no que figuraban as adegas cun maior volume económico en concepto de cotas destinadas ao Consello Regulador, durante os últimos tres anos naturais non se celebraron eleccións porque se chegou a un acordo previo antes dos comicios (os vogais titulares corresponderán, respectivamente, ás adegas Santa Marta e A Coroa).

Tampouco houbo eleccións no censo C, correspondente ás sociedades cooperativas, porque se chegou a un acordo de xeito que un vogal corresponde á Bodega Cooperativa Jesús Nazareno do Barco e outro á Bodega Cooperativa Virxe das Viñas da Rúa.

A participación nesta DO foi do 33 %.

 

 

Consello Regulador da DO Monterrei

Tan só houbo votacións no censo de adegas de menos de 30.000 litros dentro do sector industrial e a lista máis votada foi a da Federación Rural Galega (Fruga). Nesta DO, a participación electoral foi do 92,3 %.

Consello Regulador da DO Ribeiro

Só houbo votacións no censo de viticultores e nese caso a lista con máis apoios foi a de Unións Agrarias. A participación foi do 26,6 %.

Consello Regulador da DO Rías Baixas

Nesta DO a participación foi do 83 %. Só se votou en tres censos. Dentro do sector produtor, no censo de viticultores de máis de dúas hectáreas do Condado de Tea e Soutomaior a lista máis votada foi a do Sindicato Labrego Galego e no mesmo censo da subzonas do Val do Salnés e da Ribeira do Ulla, a lista máis votada foi a da Agrupación Profesional de Viticultores Rías Baixas. Dentro do sector industrial, só houbo votación no censo correspondente a adegas de menos de 100.000 litros. Neste caso, a lista máis votada foi a da Asociación Agraria de Galicia (Asaga).

Consello Regulador da IXP Mel de Galicia

Só se votou no censo de apicultores con máis de 400 colmeas. A lista máis votada foi a de Erica Mel SCG. Nesta IXP a participación situouse no 75 %.

O proceso electoral continuará a vindeira semana, concretamente o martes día 21, coa proclamación por parte da xunta electoral dos vogais resultantes do proceso de votacións que se realizou hoxe. Cómpre lembrar que naqueles censos nos que se presentaron candidaturas únicas ou nos que, habendo máis dunha candidatura, a totalidade das proclamadas chegaron a acordos electorais de repartición de vogalías ou -logo dalgunha renuncia- quedou unha única candidatura en liza, o proceso de eleccións deuse xa por rematado. Isto é o que sucedeu no caso dos consellos reguladores da denominación de orixe Ribeira Sacra, das indicacións xeográficas Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, das denominacións de orixe protexidas Arzúa-Ulloa, Queixo Tetilla e San Simón da Costa, das IXP Pataca de Galicia, Pan de Cea e Castaña de Galicia e no Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega).

Entre o 27 de febreiro e o 10 de marzo realizarase a constitución dos 15 plenos e a elección das persoas que ocuparán as súas presidencias e vicepresidencias.

Enlace á web de Medio Rural con información sobre o proceso electoral: https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/alimentacion/eleccions-consellos-reguladores-2023

Artigos relacionados

Back to top button