Eleccións municipais 2023PolíticaÚltima horaVídeos

Roberto González: “A lista do PP en Trives está determinada polo compromiso, a confianza, o liderado, a proximidade e a humildade”

O candidato popular á alcaldía trivesa destacaba entre as iniciativas do seu programa o anteproxecto ‘Turismo multiaventura Val do Navea’

 

A candidatura coa que o PP se presenta ás vindeiras eleccións municipais en Trives está determinada “polo compromiso, a confianza, o liderado, a proximidade e a humildade, como valores que aprendín de todos e cada un dos habitantes da nosa vila”, segundo sinalaba o seu cabeza de lista, Roberto González, no mitin que se celebraba no Auditorio Julio Vázquez da vila. Nel estaba acompañado polo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; polo presidente do PP de Ourense e da Deputación, Manuel Baltar, e polo presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices.

En primeiro lugar agradecía “a todo o meu equipo no cal cremos e queremos para Trives”. E continuaba indicando que esta “campaña electoral estivo marcada polo gran esforzo e dedicación do noso equipo xa que leváronse a cabo accións para escoitar todas as demandas da veciñanza, ofrecemos proximidades ante as súas suxerencias e propostas”.

Roberto González apuntaba tamén que a candidatura do PP en Trives “abandeira un programa electoral que promove e dá resposta á economía e emprego; ao turismo, á cultura e deportes; ás obras e medioambiente, á sanidade, servizos sociais, muller e xuventude, maiores e administración local. Piares fundamentais nos que traballamos sen deixar ningunha parcela necesaria co obxectivo de que A Pobra de Trives e os seus pobos recupere o seu esplendor”.

 

 

Nese senso, destacaba como un dos piares principais no sector turístico, o anteproxecto ‘Turismo multiaventura Val do Navea’. “É un proxecto ambicioso á vez que realista, cunha base sólida e estruturado en distintas fases coa intención de dinamizar o sector da comarca e darlle alternativas aos diferentes ámbitos empresariais da contorna. Levará a cabo unha transformación transversal dun dos espazos de maior riqueza e biodiversidade do concello, comezando cunha primeira fase centrada na instalación para práctica deportiva”.

Tamén se refería á necesidade de “levar a cabo todas as obras e mantementos necesarios dos núcleos que non se fixeron durante a actual lexislatura, para mellorar a vida dos veciños xa que actualmente atópanse en estado de abandono total”, e “non podemos esquecer o sector agrogandeiro do concello, con grandes produtores que precisan e solicitan servizos e infraestruturas de calidade. Ademais dun servizo estratéxico como é o do matadoiro municipal, no que este equipo de goberno pretende levar a cabo accións que potencien a actividade”.

 

 

Roberto González apuntaba que “apostamos pola reforma integral da residencia da terceira idade, na que non só nos quedaremos ca mellora das instalacións interiores senón que transformaremos tamén as zonas exteriores. Creando espazos para os residentes nos que poidan mellorar a súa calidade de vida gozando dun entorno biosaudable, seguro e que lles proporcione o benestar merecido”. E, entre outras medidas, o candidato popular á alcaldía trivesa destacaba a recuperación do patrimonio, un programa de actividades para os maiores do concello, resolver os problemas de abastecemento do concello ou a remodelación do polideportivo municipal”.

González Castro aseguraba que a súa candidatura é “consciente do peso e responsabilidade que entraña ser candidatos a gobernar a nosa vila, reto que asumimos con enorme ilusión e co obxectivo de recuperar e impulsar todas aquelas iniciativas e demandas veciñais que gobernos anteriores non desenvolveron nin atenderon”.

 

 

No mitin tamén interviña o líder dos populares ourensáns, Manuel Baltar, destacando a necesidade de abrir un “novo ciclo político, apoiado no gran proxecto do Partido Popular. Trives precisa un cambio, e que goberne quen gañe as eleccións. O Partido Popular vai a gañar con Roberto González, que estivo estes anos facendo unha leal oposición e perfilando proxectos chave para Trives. Agora poderá poñelos en marcha a partir do 28 de maio co apoio maioritario dos veciños”.

Baltar resaltaba así mesmo que “Roberto e a súa candidatura conforman un equipo novo, preparado, con experiencia de éxito no ámbito privado e ben coñecedor da política municipal”. Un equipo, engadía, que “leva a Trives por bandeira. O 28 de maio pediremos aos veciños de Trives que ese cambio que merece o concello sexa unha realidade”. E apuntaba que “o Partido Popular realizou o seu traballo: estamos preparados para mudar un municipio que merece reposicionarse como un dos concellos referentes da provincia”.

Baltar tamén se refería ao “Plan de Mandato 2127” para a Deputación de Ourense, que “aposta por seguir potenciando a estación de montaña de Manzaneda, o gran motor económico desta comarca, ademais de medidas estratéxicas no eido dos servizos sociais ou o turismo”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

En breve ampliarase galería fotográfica.

Artigos relacionados

Back to top button