CulturaCulturaÚltima hora

Rodrigo Marini: “Este Lorca de ‘Dragón Blanco’ é un premio de Valdeorras”

O director de cine levou o galardón as diferentes concellos que colaboraron coa produción da curtametraxe rodada en partes da comarca

 

Rodrigo Marini co Lorca no Concello da Rúa./ Foto cedida.

 

Din que é de ben nacido ser agradecido e hai xente que eleva este dito popular á máxima expresión. É o caso de Rodrigo Marini, produtor, realizador e director de cine arxentino cunha forte vinculación con Valdeorras, que comezaba o ano visitando aos seus pais no Barco, e tamén ás persoas que colaboraron co seu proxecto cinematográfico Dragón Blanco, curta coproducida por David Santamaría, rodada en Madrid e en diferentes localidades da comarca, que vén de ganar o Lorca á Mellor Curta Nacional no Festival de Granada.

“Vivo en Madrid dende os 19 anos pero pasei moitos anos en Valdeorras e os meus pais viven no Barco polo que vou moito por casa (en Nadal, Fin de Ano, no verán,…) e a idea era aproveitar a visita e levar o Premio Lorca do Festival Internacional de Cine de Granada porque é un premio de Valdeorras”, di Rodrigo, explicando que foron tres os concellos que colaboraron con Dragón Blanco (O Barco, A Rúa e Vilamartín) ademais do CRDO Valdeorras. “Tamén colaboraron como produtores asociado Epifanio Campos, José María Rodríguez que tamén actúa na curta, Benxamín Eceiza, que se ben non é do Barco ten os pais vivindo alí”, di, recoñecendo orgulloso que Valdeorras “é o meu pobo e dalgún xeito quería agradecer a axuda que nos prestaron que foi vital porque sen eles esta curta non arrancaba. Déronnos un empuxón económico importante e sobre todo anímico e emocional. Ten unha coprodución complicada porque é unha curta de cine negro pero hai acción, pelexas, coreografía con artes marciais, exteriores con motos,… Non foi fácil e necesitabamos ese empuxón e o meu pobo non fallou”.

 

Fotograma de “Dragón Blanco”.

 

Na xornada do mércores 3 de xaneiro, Marini paseaba a estatuilla por Valdeorras, reuníndose con alcaldes e persoas que axudaron no proxecto, recalando no Salón de Plenos do Concello da Rúa, onde se reunía con parte do equipo de goberno entre o que está José Vicente Solarat, sentindo non poder ver a Álvaro con quen tamén compartiu escola no Pablo VI. “Quería que tiveran o premio na man e darlles as grazas persoalmente, porque son parte do equipo e a min facíame especial ilusión”, di Marini, explicando que a historia de Dragón Blanco é dos baixos fondos, dun especulador inmobiliario, narcotraficandte, que a través do pasado dun membro do seu entorno vei perigar o seu negocio e as súas vidas. “Desenvólvese en Madrid pero os fuxitivos que quedan vivos deixan a cidade rumbo ao interior e pareceume a historia perfecta para amosar Valdeorras, a miña terra, algo que tiña pendente e conseguín facer”.

A curta estreábase en novembro en Granada no festival no que competía con curtas de moito nivel, chegando a ter tres nominacións (Ignacio Nacho, mellor actor de reparto; Carolina Bona, mellor actriz de reparto e Dragón Blanco, mellor curtametraxe nacional). Agora ten outras catro (mellor curta, premio do público, mellor dirección e mellor interpretación) no Festival Cortos con Ñ que se celebrará este mes en Madrid “e díxome Solarat que é provable que se pase como un membro máis do equipo”, di o director, adiantando que a idea é que agora a curta esté en distribución, durante un ano e medio e despois farán catro presentacións en Valdeorras: na Rúa con equipo técnico e actores, no Barco e Vilamartín así como nalgunha adega cunha exhibición da curta.

 

Artigos relacionados

Back to top button