CulturaCulturaÚltima hora

Sae á luz un hórreo romano único en Galicia en Proendos (Sober)

 

A escavación no xacemento de Proendos vén de sacar á luz un hórreo romano único en Galicia. Esta campaña dá continuidade ás actuacións impulsadas neste espazo os últimos anos e que xa sacaron á luz restos romanos do século I ao V. Nesta ocasión, os profesionais da empresa Tempos Arqueólogos están realizando dúas sondaxes manuais no ámbito do xacemento. A primeira delas centrouse na zona onde se atopa a estrutura tipo hórreo, mentres que a segunda sondaxe sitúase nunha zona do xacemento próxima a igrexa de Santa María de Proendos para comprobar a posible existencia dunhas estruturas circulares.

O resultado poderá contemplarse o martes nunha visita guiada organizada para divulgar os traballos feitos e poñer en valor este xacemento. O roteiro partirá da igrexa parroquial de Proendos a partir das 17,00 horas.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o alcalde, Luis Fernández, xa visitaban o campamento onde se está a desenvolver a actuación arqueolóxica, promovida pola Xunta en colaboración co Concello de Sober. Román Rodríguez salientou a importancia dos restos atopados, así como a importancia dos traballos feitos para afondar no legado excepcional da vila de Sober. “Estes achados, únicos en Galicia, reforzan a importancia que xa tiña Sober na época romana e nos axudan a comprender como vivían as antigas civilizacións na nosa terra”, engadiu.

 

 

Neste lugar tense constatado desde antigo, a través de achados casuais e intervencións non sistemáticas, a aparición de significativas evidencias materiais de adscrición romana que van desde un gran número de fragmentos de tégula, ladrillos e cerámica, ata varios fragmentos de columnas, capiteis, basas, epígrafes e restos de canalizacións de granito, moitos dos cales aínda se conservan nos muros de peche e no interior das casas do actual pobo de Proendos.

Un hipocausto

Os últimos traballos impulsados neste xacemento xa constataron a existencia dun hipocausto, unha estancia oca que os romanos adoitaban construír debaixo do chan nos cuartos das vivendas e nos baños para que circulara o aire quente. Tamén se localizou unha ábsida circular, un elemento arquitectónico de orixe romano presente tanto en edificios relixiosos como seculares, e unha hipotética horrea romana. A estas achegas súmanse os numerosos materiais ou os restos das estruturas das edificacións, que xa foron localizadas a un nivel moi superficial nas primeiras xornadas de traballo, ou a aparición dun mosaico romano que non se conserva íntegro, pero do que si apareceron varios fragmentos reducidos.

A prospección xeofísica levada a cabo polo Concello de Sober no ano 2019 xa permitira constatar a existencia de, polo menos, un complexo de hipocaustos de extensión considerable, varios elementos de posible carácter público e de servizos, posibles estruturas de habitación, unha probable trama urbana ou estruturas funerarias, así como un hipotético sistema de condución de augas.

Artigos relacionados

Back to top button