En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Toques, danzas de Mázcaras e versos na “Fuliada da Mourela p’acá”

Nesta ocasión tiña como escenario Bidueira (Manzaneda), onde numerosas persoas seguían a ronda do folión, o teatro e desfrutaban da fariña

A aldea de Bidueira (Manzaneda) acollía nesta ocasión da Fuliada da Mourela p’acá no mediodía do Sábado de Entroido. Tras a preceptiva petición do permiso soaban as cornas, os bombos e os sachos e as Mázcaras comezaban a executar a súa ancestral danza nunha ronda que concluía arredor da unha.

Despois, dábase paso á fuliada, unha representación satírica en verso con diversas obras nas que non faltaban disputas de namorados, parodias de programas televisivos ou mesmo do proceso electoral. Case o remate da mesma, Sofía Pérez agradecía en nome de todo o pobo de Bidueira a todos os asistentes e aos que “dende aquí arriba facemos posibles estas fuliadas cada ano, que custa moito porque estamos cada un nun sitio, uns estudando, outros traballando”.

Ademais amosaba o seu agradecemento, entre aplausos, “especialmente á xente maior, en especial ao meu pai, Aquilino, porque grazas a eles estamos hoxe aquí, sen eles o fulión estaría máis que perdido”. Despois dos versos comezaba unha batalla campal de fariña da que non se libraba ninguén e que remataba cun xantar para os veciños.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button