EconomíaEconomíaÚltima hora

Tradición, sendeirismo, castañas, doces e literatura para saborear o Magosto en Trives

Este municipio celebrará esta cita o vindeiro 10 de novembro cun programa cheo de actividades que comezará ás 11h. cun paseo polos Sequeiros de Pena Folenche. Ademais vén de convocar o II Concurso de Microrrelatos – “Un Magosto Literario”

 

A festa de referencia no outono, o Magosto, terá lugar no municipio de Trives o vindeiro 10 de novembro. O Concello ten xa preparado un variado e completo programa de propostas pensado para todos as idades. Así ás 11h. terá lugar un pequeno paseo polos Sequeiros co fin de achegarse á tradición de recoller e secar as castañas.

Pola tarde os actos trasladaranse ao baixo do centro cívico, no Patio Santa Leonor, onde a partires das 18:30h dará comezo o Magosto con castañas asadas, chourizos, viño e licor café. O prezo será de 5€ para os asistentes de 12 anos en adiante, de 2,50€ para as idades entre 7 e 12, ambos incluídos, e de balde para os menores de 7 anos.

Ademais volverá a convocarse o Certame de Doces Típicos de Outono, que xa vai pola súa sexta edición. “Será na sobremesa do magosto onde se degustarán os doces participantes e onde se lles entregarán os agasallos aos grandes reposteiros”, adiantan dende o Concello.

Tamén nesa mesma festa farase público o nome do gañador ou gañadora do “II Concurso do Magosto Literario”, que recibirá un premio de 100€ e un lote de libros.

 

Cartel coas actividades do Magosto en Trives.

 

 

II Concurso de Microrrelatos – “Un Magosto Literario”

Dentro das actividades deste outono e dos concursos organizados para o magosto, o Concello de A Pobra de Trives vén de convocar o II Concurso de Microrrelatos – “Un Magosto Literario”. Este certame pretende “descubrir o talento literario e espertar a imaxinación de todas aquelas persoas interesadas na escritura en Lingua Galega e na promoción da nosa Terra debendo incluír unhas palabras clave no microrrelato (castaña, bica, montaña, outono e Trives)”, indican os seus promotores. Poderán participar neste concurso os maiores de 12 anos que presenten o seu microrrelato tal e como as bases o indiquen ata o 23 de outubro.

O xurado estará formado por profesorado do IES Xermán Ancochea e CEIP Manuel Bermúdez Couso, e pola Concelleira de Cultura do Concello de A Pobra de Trives. O microrrelato gañador será anunciado na páxina web e nas redes socias do Concello e levará un premio de 100€ e un lote de libros.

No páxina web do concello pódense consultar as bases deste certame.

 

Cartel deste certame literario.

Artigos relacionados

Back to top button