CulturaCulturaEn portadaGalerías de fotosMúsicaÚltima horaVídeos

Tremiñá (O Barco) recupera con éxito e numeroso público o seu XV Mercado Medieval

As rúas desta localidade enchíanse o sábado de postos, visitantes e numerosas actividades como xogos populares, teatro ou música. A mostra continuará neste domingo

 

Entre lanzamentos de bolos, música tradicional, teatro de rúa ou fiadas de la cobraba a vida dende as seis da tarde do sábado 22 de xullo o XV Mercado Medieval de Tremiñá (O Barco). Esta localidade retrocedía varios séculos no tempo para recuperar con éxito, nesta fin de semana, unha celebración interrompida hai 5 anos. Multitude de postos de diversidade de produtos enchían as rúas de Tremiñá: dende libros, pan e doces, pasando por artesanía, flores, cerámica, xabóns, queixos, mel ou licores.

 

 

Numerosas persoas percorrían esta singular feira recuperada da man de dous mozos, Saúl e Amparo, coa colaboración de Carmen Pernas, presidenta da Asociación de Mulleres Rurais desta zona, entidade que anteriormente se encargaba de organizar este evento. E, por suposto, coa colaboración e implicación da veciñanza así como do Concello do Barco.

 

 

Ademais, no decurso do mercado están previstas actividades complementarias, entre elas a visita do bruxo Maruxo que xa percorría a feira onte, xunto co teatro itinerante da compañía Teatromia do Barco. Ademais nenos e maiores desfrutaban co IX Torneo de Bolos e o xogo da ra, que terán continuidade neste domingo. Tamén podía descubrirse como era antano o proceso de elaboración da la e do liño, cunha demostración a cargo da mulleres, así como cunha exhibición de palilleiras.

 

 

Entre tanto o punto musical viña da man dos Parrandas, que animaban o mercado dende as 21h. Non faltaban tampouco unha taberna medieval nin diversos postos de xantar que ían dende propostas turcas ata filloas recheas ou mesmo pulpo.

Este mercado retomarase hoxe a partir do mediodía coa reapertura dos postos e con novas actividades paralelas, entre elas a música tradicional da man de Abertal (ás 12:30h.), dos Pándegas (ás 19h.) e das Pandereteiras da Veiga ( ás 21h.). E por suposto, na tarde do domingo, ás 20:30h. terá lugar a tradicional e popular demostración de malla.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button