A RúaConcellosO BarcoPetínÚltima horaVilamartín

Tres fillas de Florencio Delgado Gurriarán estarán en Valdeorras para as Letras Galegas 2022

O programa de actividades inclúe música, poesía e teatro en diferentes puntos da comarca, sendo en Córgomo o acto central do 17 de maio

 

Dende este sábado 14 de maio os actos das Letras Galegas 2022 encherán a comarca de Valdeorras de eventos artísticos, literarios, musicais e festivos. Un programa extenso e moi completo que era presentado na mañá deste xoves 12 de maio no Centro Sociocultural Santa Lucía de Vilamartín, diante da exposición ‘Compromiso na distancia’ inaugurada hai apenas catro días, nun acto que contaba coa presenza do alcalde de Vilamartín de Valdeorras, Enrique Álvarez Barreiro; da responsable do proxecto As Letras de Florencio Débora Álvarez; de Elva Delgado, familiar do poeta homenaxeado; e da concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, quen aseguraba que “vai ser moi difícil que Valdeorras volva vivir unha ocasión coma esta na que seremos a capital cultural da Galicia Infinda”, convidando á participación masiva nos actos que se desenvolverán en diferentes concellos da comarca (Vilamartín, O Barco, A Rúa e Petín) e nos que os veciños de Córgomo e os familiares de Florencio Delgado Gurriarán terán un protagonismo especial.

As propostas son para todos os públicos e comezan o sábado pola mañá no Barco cun obradoiro de xogos tradicionais para nenos de 3 a 12 anos. Ese mesmo día, pola tarde, o Colectivo Barullo celebra unha performance de poesía polas rúas do Barco na que participarán Ana B. Rosa, Eilún del Moral, Fátima N. Delgado e Sabela Prada. Este serán poético comezará ás 19 horas na rúa Abdón Blanco e irá polas terrazas do Malecón ata a praza Maior.

 

Elva Delgado, familiar de Florencio, na presentación.

 

O domingo 15 de maio será o turno da música tradicional na Rúa, cun festival de Abertal no que incluirán temas inéditos de homenaxe a Florencio. Será ás 12:30 na praza do Concello. A esa mesma hora, no Barco, Raquel Queizás ofrecerá na beira do Sil o seu espectáculo teatral Florencio nas Ondas, destinado tamén a público infantil.

O luns 16 de maio o músico barquense Sr. Jingles, acturá ás 19 horas no exterior do Teatro Lauro Olmo, e de seguido celebrarase no mesmo teatro o Concerto das Letras promovido polo Consello da Cultura Galega, un recital de Zoar Ensemble xunto á soprano Clara Jelihovschi como punto de encontro entre música e poesía, México e Galicia. A este concerto acudirán xa os membros da Real Academia Galega que van participar nos actos do martes e máis as fillas de Florencio que viaxan para a ocasión: María Gillmore, Carmen Weimer e Celia Delgado Teijeiro. Na presentación, a súa parente Elva Delgado destacou que toda a familia Delgado está moi implicada coa homenaxe e que as fillas de e o neto de Florencio que viaxarán ata Valdeorras están moi ilusionados e pasarán a fin de semana nunha casa en Portela, moi preto de Córgomo, que ela mesma está adecentando para a ocasión.

 

 

E xa o martes 17 de maio será o día grande con moitos actos en Valdeorras. As 11 horas o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidirá o acto oficial que se celebra no Teatro Lauro; e ás 12:30 horas xa en Córgomo, a Real Academia Galega celebrará a sesión extraordinaria de homenaxe ao poeta Florencio Delgado Gurriarán.

O acto da RAG será na Aira dos Bolos onde se instalará unha carpa e a asistencia é libre, se ben poderá seguirse na web da academia con vídeo en directo. Tralo evento oficial, a veciñanza de Córgomo celebrará unha ruada con comida, viño e música para celebrar como pensan que lle tería gustado ao seu paisano, con encontro e xoldra. Este xantar popular, que bautizaron como ‘Florenciada’, está organizado polo Concello de Vilamartín e a Asociación de Comuneiros de Córgomo, e será a oportunidade de que os membros da RAG experimenten de primeira man a inspiración que Florencio atopaba na súa terra.

O concerto dobre do grupo Acordeireta (ás 12:30 horas en Petín e ás 18 horas en Córgomo) porá o broche musical á xornada, que inclúe a obra de teatro Tras os vieiros de Florencio, de Fantoches Baj, ás 20 horas no Barco. Tamén poden visitarse as exposicións ‘Compromiso na Distancia’, en Vilamartín ata o 29 de maio, e ‘Bebedeira de ensoños’, no Barco ata o 19 de maio.

 

 

Todos os eventos son de acceso libre e gratuíto, excepto o xantar popular de Córgomo, para o que é preciso convite pois está pensado para os veciños e veciñas da aldea natal do poeta.

Na presentación do extenso programa, tamén destacaron que as Letras Galegas non rematan cando pasa o día senon que a celebración continúa todo o ano. E de feito xa están en marcha as rutas escolares se estenderán ata fin de curso, e estase a preparar unha intensa programación para os meses de verán. Como explicou o alcalde de Vilamartín, “non demos atendido todas as propostas recibidas e queremos agradecer o esforzo e ilusión posto por todo o mundo”.

Dende as Letras de Florencio quixeron tamén agradecer a todas as institucións que fixeron posible esta programación comezando pola Real Academia Galega, a Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense, os Concellos de Vilamartín, O Barco, A Rúa, Petín e Rubiá, o Consello da Cultura, o Instituto de Estudos Valdeorreses, as asociacións veciñais de Córgomo, a toda a veciñanza de Valdeorras e á familia de Florencio, que deron o seu apoio dende o momento que comezou esta aventura polas Letras Galegas.

Artigos relacionados

Back to top button