ConcellosÚltima hora

Trives celebra o “Día das Montañas” cunha ruta de sendeirismo familiar ata Ponte Navea

Está prevista para o vindeiro domingo 16 de decembro, ten 6 km de percorrido e partirá ás 11h. dende a Oficina de Turismo da vila
Ruta de sendeirismo polo municipio trivés./ Foto: Concello de Trives.

No marco da celebración o 11 de decembro do Día Internacional da Montañas, o servizo de Turismo do Concello de Trives organizará na vindeira fin de semana unha ruta de sendeirismo familiar. “É o mellor xeito de concienciar da importancia que teñen as montañas nas nosas vidas”, explican dende o Concello trivés.

Será un paseo ata a Ponte Navea, gozando dun enclave natural cheo de maxia e historia. O traxecto ten dificultade media–baixa, sendo unha ruta duns 6 quilómetros aproximadamente. Partirá ás 11 da mañá desde a Oficina de Turismo da Pobra de Trives para seguir en dirección á localidade de Pena Folenche. “Neste pequeno desprazamento (de Trives ata a Pena Folenche) cada participante irá cos seus propios medios”, matizan dende a organización.

Unha vez alí, ás 11:15h. dará comezo a camiñada desde Pena Folenche cara Ponte Navea, entre frondosos bosques e as súas fragosas ladeiras, pasando algún tramos da calzada romana da Via Nova, que unía Asturica Augusta (Astorga) con Bracara Augusta (Braga). A ruta chegará a Ponte Navea, onde o río, que leva o seu nome, fai de liña divisoria entre os concellos de San Xoán de Río e A Pobra de Trives.

Na Navea os camiñantes “poderán observar as características da ponte romana primeiramente e da medieval, sendo esta unha das pontes máis antigas da península. Ademais nese enclave natural de carballos e castiñeiros, tamén se atopa a antiga capela da Encarnación, onde se representa a Cruz de Malta”, engaden dende Turismo de Trives.

No traxecto os participantes tamén poderán pasear por bosques que forman parte da primeira paisaxe protexida de Galicia. “Animámosvos a coñecer e gozar destas contornas únicas que temos na nosa montaña, este domingo 16 de decembro”, indican dende a organización.

Artigos relacionados

Back to top button