En portadaÚltima horaVídeos

Un estudo confirma o impacto económico positivo do sector da lousa no medio rural das comarcas de Valdeorras e La Cabrera

Cupa Group e a Universidade de Santiago presentaban esta mañá na Medua (Carballeda de Valdeorras) este traballo que amosa a xeración de riqueza e emprego desta compañía nas zonas onde está asentada

 

O 80% dos postos de traballo que xera en España Cupa Group están nas provincias de Ourense e Leo, e case totalidade en municipios rurais das comarcas de Valdeorras e de La Cabrera (León). Así se destacaba esta mañá na presentación do “Estudo do impacto no emprego de Cupa Group nas provincias de Ourense León”, un traballo realizado polo Grupo de Investigación e Análise Territorial da Universidade de Santiago (USC), que vén a actualizar un primeiro informe do 2016 para analizar o peso desta compañía na xeración de emprego nestas zonas.

Así na exposición do traballo Rubén Camilo Lois, catedrático de Análise Xeográfico da USC, destacaba o peso significativo de Cupa Group nos “concellos de Puente de Domingo Flórez, Benuza e Carballeda de Valdeorras sobre o total de ocupados, onde representan máis do 80%, 30% e 57%, respectivamente”. O 71% das empresas deste grupo están situadas nas provincias de Ourense e León e as súas cifras de emprego “seguen e aumento, superando no 2021 as 2.200 persoas, un 40% máis que no 2016”, engadía Lois, matizando ademais que o 42% das persoas que traballan nesta compañía residen en municipios rurais.

 

 

Máis ao detalle, o 64% dos empregados vive en Ponferrada e no Barco de Valdeorras, que, xunto á Rúa, Vilamartín de Valdeorras e Rubiá, son os domicilios principais da maioría dos empregados de Cupa Group, tendo un efecto directo na vida e a actividade destas localidades. “Isto débese a que, aínda que nalgúns casos a compañía non xera empregos directos, si que o fai en territorios próximos e deriva en efectos inducidos nas dinámicas sociais destes municipios”, tal e como indicaba Lois, quen así mesmo explicaba que as fontes consultadas pola Universidade de Santiago para elaborar o informe foron o Instituto Nacional de Estatística de España (INE), o Instituto Galego de Estatística (IGE), Estatística de Castela e León, os censos de poboación e padrón municipal, o Instituto Nacional da Seguridade Social, Estatística Mineira de España (ESMIN) e os informes de xestión das contas anuais consolidadas de Cupa Group.

 

 

Nesta presentación tamén participaban o director xeral de Cupa Pizarras, Eduardo Mera; Eliseo López, director de Comunicación e Relacións Institucionais en Cupa Group, así como a alcaldesa de Carballeda de Valdeorras, María Carmen González; e o rexedor do Puente Domingo Flórez, Julio Arias. Era Eduardo Mera quen abría o acto, celebrado na sede de Cupa Group na Medua (Carballeda de Valdeorras), facendo un percorrido polas principais magnitudes e liñas de negocio da multinacional, formada actualmente por 75 empresas, o 71% delas con sede en Ourense e León, desde onde exportan a súa produción a máis de 70 países, e conta con 25 canteiras e 30 plantas transformadoras, a maioría situadas nas comarcas de Valdeorras, O Bierzo e La Cabrera.

 

 

Mera tamén se refería ao futuro do sector e ao seu potencial, asegurando que “o cada vez mellor aproveitamento do recurso da lousa fai que sexamos moi optimistas e pensamos que esta é unha actividade que ten moita sostibilidade a medio e longo prazo, o sector ten reservas probadas para máis de 75 anos, para cen anos e a medida que se seguen facendo sondaxes e novas investigacións, ao final acaban aparecendo máis reservas”.

Dos 2.500 traballadores da compañía a nivel global, 1.700 sitúanse en España. O estudo reflicte que o 80% dos postos de traballo que o grupo xera en territorio español están nestas provincias e que o 42% do total en España viven en municipios rurais, entre os que destacan, fóra do ámbito do informe, Folgoso de Caurel (Lugo) e Riofrío de Aliste (Zamora).

 

 

Pola súa banda, Eliseo López, expoñía o labor da Fundación Cupa Group, creada hai 8 anos e cuxa misión é “favorecer o desenvolvemento económico e social das zonas rurais a través da lousa e da pedra natural a través de iniciativas en emprego, inserción laboral, educación, axudas a comunidades…”. Así mesmo, apoiándose en datos do estudo, aludía á xeración de riqueza e dinamismo económico indicando que “o 64% dos nosos empregados que traballan nas dúas provincias residen en Ponferrada e O Barco, un feito que axuda a que estes dous municipios superen a renda bruta media da provincia (datos do 2019). No caso de Carballeda de Valdeorras e do Barco ese salario é un 3,2% ao salario medio provincial grazas á lousa”.

 

 

O acto concluía coas intervencións dos rexedores de Carballeda e Puente de Domingo Flórez. Así a alcaldesa María Carmen González amosaba sentirse “orgullosa da Cupa, polo seu volume, e do sector da lousa en xeral”. E defendía a idea que “a lousa non é destrucción, é progreso e reivindico o noso ADN mineiro”, aludindo á mina aurífera das Médulas, situada a poucos quilómetros de Valdeorras. Tamén destacaba que “hai un anaquiño de Carballeda en moitísimas partes do mundo grazas a Cupa e ao sector da lousa” e reivindicaba a importancia de que ese impulso socioeconómico desta minería se plasme máis nos pequenos núcleos rurais, ademais de pedir que se teña en conta que “os nosos municipios son polígonos industriais enteiros que acollen a moitos traballadores, que necesitan servizos e dotacións de infraestruturas e a gran inxustiza é que o noso concello reciben recursos basicamente por poboación, por iso precisa tamén o apoio doutra administración”. E concluía incidindo en que “a lousa ten que seguir sendo o motor de Valdeorras”.

 

 

Tamén o alcalde do Puente Domingo Flórez, Julio Álvarez, resaltaba a importancia da lousa para o seu municipio e indicaba “este estudo supón ver en números o que nós sentiamos nos pobos, que o 90% do municipio depende directa o indirectamente do sector. E isto tamén lle permite ao concello manter todos os seus servizos”, ademais animaba a Cupa a que continúe este labor “porque o Puente non ten explotacións agrarias como si sucede noutras zonas do Bierzo, entón grazas a lousa sobrevivimos e que dure moitos anos”.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button