ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Un paseo polos contos da man de Paula Carballeira, no Barco

Con “Os contos que non me contaron” esta narradora e actriz abría a quinta edición de “De Perto”

De nena tan só lle contaron unha historia na casa e non remataba nada ben. Con ese conto, no que ela e máis o seu irmán eran os protagonistas, encetaba Paula Carballeira a súa actuación no Teatro Lauro Olmo do Barco na noite do 30 de xuño.

A partir de aí esta narradora ía debullando, xogando coa retranca, contos tradicionais de princesas, entre eles un das “Mil e unha noites” e outro chinés. Logo daba paso a outro tipo de relatos, buscando en todo momento a interacción e implicación dos asistentes. Eran historias que lle chegaban de persoas da súa zona (Maniños, Fene), que llas contaban como se fosen feitos reais. Relatos de mouros, de amor, de medo e tamén de xenerosidade. Compartíaas co público valdeorrés nunha noite na que “se sentía coma na casa”. E así o aseguraba cun breve conto-agasallo ao final do seu espectáculo “Os contos que no me contaron”.

Deste xeito botaba a andar a quinta edición de “De Perto”, adicada nesta ocasión á “Palabra contada, cantada e rimada”. A seguinte cita deste programa cultural será o martes 4 de xullo ás 22:30h. na praza do Sagrado do Barco. Alí a narradora Soledad Felloza achegará aos valdeorreses á “Xeografía do imaxinario”.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button