Os alicerces dos seus versos están na terra que o viu nacer e medrar. A de Xosé María Díaz Castro é unha voz poética fondamente arraigada no rural, cunha mirada intimista e vencellada á natureza da Terra Chá, pero que trascende. Poeta e tradutor, é autor de Nimbos, unha obra “singular e de aparición serodia, que destaca polo seu virtuosismo técnico”, segundo se resalta dende a Real Academia Galega (RAG), que na sesión plenaria do 21 de xuño do 2013 acordaba escoller a Díaz Castro como figura á que lle adica o Día das Letras Galegas do 2014. É un ano asemade que coincide co primeiro centenario do nacemento deste vate.
Díaz Castro ven á vida en febreiro de 1914 no seo dunha familia labrega na parroquia de Os Vilares (Guitiriz-Lugo), “e desde aquela viviu ligado a esta paisaxe e contorno a carón da Serra de Montouto onde vai fenecendo a Terra Cha. Aínda que pasou moito tempo lonxe desta comarca, concretamente en Madrid, endexamais renunciou a ela e sempre que podía viña a beber nesta fonte da súa inspiración poética”, en palabras de Alfonso Blanco, un dos mellores coñecedores da obra e vida deste poeta.
O seu interese pola poesía venlle xa da infancia e con 8 anos esboza os seus primeiros versos, pero non foi ata a súa entrada no Seminario de Mondoñedo, no ano 1929, cando escribe o seus primeiros cadernos de poesía: “Follas verdes” e “Follas ó Aire”, que preferiu non editar. Ademais de cursar os seus estudos, no seminario comeza a interesarse polas linguas, dirixe unha revista escolar e algúns dos seus poemas en galego, adicados á natureza, aparecen en varios xornais como El Progreso Villalbés (1931-33).
É tamén nesa época cando se familiariza coa “densa tradición literaria, nomeadamente poética, que floreceu daquela, no ronsel de Leiras Pulpeiro e de Noriega Varela, na cidade do Masma a través de figuras como Crecente Vega, Iglesia Alvariño, Álvaro Cunqueiro ou Díaz Jácome”, segundo o perfil biográfico realizado por Ramón Villares Paz para a RAG.
Texto: Ángeles Rodríguez Foto:cedida pola Asociación Xermolos de Guitiriz
(Máis información, imaxes e programación dos actos das Letras Galegas na provincia de Ourense na edición en papel do Especial Letras Galegas do Periódico O Sil).