Un total de 20 alumnos (12 da Rúa, 5 de O Bolo e 3 de Larouco) e 6 membros do corpo técnico (directora, administrativa e 4 docentes) participan no obradoiro de emprego LABORU, promovido polo Concello da Rúa, que comezaba o 28 de decembro de 2020 e non rematará ata o 27 de setembro de 2021.
Consta de dúas especialidades: Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centro de xardinería (AGAO01808) con 6 alumnos; e Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes (AGARO0309) con 14 alumnos; e nel participan tres concellos (A Rúa, Larouco e O Bolo) nos que se están levando a cabo as diferentes actuacións.
No caso da Rúa, o obxectivo é actuar sobre as zonas axardinadas na contorna da avda. Campogrande, Cantalarrana, Fontei, capela de San Pedro de Somoza, rúa Progreso, rúa da Casilla e Complexo Deportivo O Aguillón. Tamén se levará a cabo o acondicionamento das zonas de depósitos de auga e accesos ás zonas de captacións, nos depósitos de Vilela, Somoza, Fontei, Estación, Santo Estevo, Barreais, e nos camiños das captacións das Eiras, Furacón, O Pozo, regato da Rúa Vella e de Arcas. Ademais, acondicionaranse os accesos ao Miradoiro Barranco Rubio, así como os perímetros dos núcleos de San Xulián e Roblido.
No municipio de Larouco realizaranse actuacións de acondicionamento, desbroce e limpeza en zonas de recreo público, zonas axardinadas municipais e de camiños secundarios do concello. E no que atinxe ao concello de O Bolo, as actuacións irán dirixidas ao acondicionamento de camiños forestais mediante roza de matogueira, rareos e podas de árbores en diferentes localidades do municipio.
Na mañá deste venres 9 de abril, realizaban traballos na zona recreativa do Aguillón, na Rúa.
Fotos: Mónica G. Bellver