Mesturando unha vez máis historia, cultura e viticultura, na tarde deste sábado 27 de novembro desenvolvíase unha nova andaina organizada dende a Oficina de Turismo Valdeorras da Rúa, para seguir coñecendo os segredos de Valdeorras, centrados nesta ocasión na zona da Rúa Vella.
Malia a chuvia, que arreciaba por momentos, en torno ás catro da tarde reuníase unha trintena de persoas (dos 32 inscritos finalmente asistían 26), na praza César Conti, pasando pola antiga casa consistorial e posterior subida ata As Pinguelas. Ao longo do percorrido, os asistentes escoitaron historias de como foi o paso dos franceses por estas terras ou como “nunha noite de inverno foi trasladada a casa consistorial desta localidade”, visitando ademais a cova de Alan de Val e tamén a Adega Melillas con degustación de viño incluída.
Contentos coa resposta da poboación ás actividades propostas ata o momento, dende a oficina de turismo da Rúa aseguran que decembro vai ser un mes movido, con varias propostas. A primeira será xa para o vindeiro domingo día 5. Baixo o título “A Rúa é camiño” propoñen un paseo histórico cultural para lembrar a orixe do Camilo de Inverno, vía alternativa do Camiño Francés para evitar as nevadas no Cebreiro e as inundacións do río Valcarce, coñecendo ademais historias da Rúa e de edificios emblemáticos como as igrexas de Santo Estevo e Fontei, entre outros, rematando a ruta cunha cata de viños na Adega Quinta da Peza.
O punto de encontro será a capela de San Roque, na Rúa Vella, ás 11 horas.
Fotos cedidas.