En portadaÚltima hora

Valdeorras aposta por converterse en destino de turismo industrial e vitivinícola

O Clúster da Pizarra de Galicia e a Ruta do Viño de Valdeorras preparan un convenio de colaboración neste senso

Viñas e tellados de lousa en Valdeorras./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A minería ten marcado á historia de Valdeorras ao longo dos séculos. Dende a Prehistoria ata a actualidade. Cada etapa estivo ligada a un mineral: dende o cobizado ouro en época romana ata o estratéxico wolfram no século XX, xunto coa lousa, un produto no que hoxe Valdeorras segue sendo un referente mundial.

Pero ademais da minería, tamén o cultivo da vide dente tempos remotos ten condicionado a historia e a evolución desta comarca, tal e como contan restos romanos como a ara do Libero Patri, dedicada ao deus Baco, e que se conserva na igrexa de Santurxo (O Barco), así como restos de antigos lagares rupestres e multitude de covas (adegas soterradas) escavadas na rocha de centos de anos . Ademais a de Valdeorras é, tras o Ribeiro, a segunda denominación de orixe máis antiga de Galicia, recoñecida oficialmente o 27 de xullo de 1945.

Ambos elementos, a minería da man da lousa e a vitivinicultura, apostan agora polo crear sinserxías de cara ao desenvolvemento turístico da comarca. Así o sinalaban tanto os representantes do Clúster da Pizarra de Galicia como os da Ruta do Viño de Valdeorras no marco a presentación do III Concurso de fotografía desta última entidade.

“Valdeorras é lousa e viño, é viño e lousa. Calquera que percorra a comarca ou que chegue aquí o primeiro que ve son viñedos e lousa. Dende a Ruta do Viño de Valdeorras estamos facendo un convenio de colaboración entre as dúas partes para potenciar o turismo de Valdeorras, un turismo orientado por suposto aos viñedos, ás adegas, ao que se chama enoturismo, pero tamén ao turismo industrial, que non é pouca cousa, xa que en Valdeorras temos bastante. Está por un lado o tema das canteiras, o tema da lousa, pero tamén sería importante o tema das hidroeléctricas, e, por suposto, todo o que é arqueoloxía que agora ultimamente está poñéndose en valor”, aseguraba o presidente da Ruta do Viño de Valdeorras, Joaquín Sánchez.

 

Representantes do Clúster da Pizarra de Galicia e da Ruta do Viño de Valdeorras, na presentación do III Concurso desta última entidade, cuxa temática é lousa e viticultura./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Ao potencial desa colaboración tamén se refería o presidente do Clúster da Pizarra de Galicia, Víctor Cobo, tomando como punto de partida a colaboración desta entidade no III Concurso de Fotografía da Ruta do Viño de Valdeorras, cuxa temática será, precisamente, lousa e viticultura e cuxo lema é “Os Pioneiros da lousa”. “Podemos unir explotacións de lousa, coa viticultura, o uso da lousa e o consumo do viño en composicións creativas. É unha iniciativa de índole cultural que axuda a crear sinerxías entre a lousa e o viño, dous dos sectores máis relevante da economía de Valdeorras, sen menosprezar ás outras industrias de Valdeorras”, aseguraba.

Á evolución do sector da lousa, dende os inicios ata hoxe, referíase o vicepresidente do Clúster da Pizarra de Galicia, Rogelio López, resaltando que se trata “do indiscutible motor económico das comarcas do oriente ourensán e das súas área limítrofes, así como un dos máis importantes polos industriais da provincia de Ourense”.

Comentaba que “os principios non foron fáciles, non existían nin comunicacións nin tecnoloxía, nin medios económicos, pero había vocación de emprendedores. Tamén faltaban coñecementos de xeoloxía, de economía, de lexislación mineira, laboral e medioambiental, da auga, etc. Por todas esas carencias, o mérito destes pioneiros, é máis importante, como o son os logros conseguidos. Eses pioneiros, coñecían a pedra, que se usaba para as construcións locais dende había centos de anos, e con moito traballo, tesón, constancia, valentía e non pouco risco, desenvolveron as mellores técnicas de extracción e elaboración, conseguiron poñer en marcha unha industria que creou máis de 12.000 postos de traballo, entre directos e indirectos, e que, sen dúbida, é o motor principal da economía, non só da parte oriental da provincia, en canto a lousa, somos o referente mundial cunha produción superior ao 80% do total”.

 

 

Eses inicios e a súa evolución ata o momento actual, con explotacións a ceo aberto, pero tamén en minería subterránea, constitúe tamén un referente turístico de sumo interese e que agora o Clúster da Pizarra de Galicia pretende poñer en valor, ligándoo, ademais, ao enoturismo.

Artigos relacionados

Back to top button