
Manzaneda recuperará neste Entroido unhas das súas manifestacións máis singulares: a fuliada, na que se conxuga o toque do fulión e a danza das Mázcaras coas representacións satíricas en verso. Así na mañá do vindeiro 11 de febreiro terá lugar en Placín a Fuliada da Mourela p’acá, que se retoma logo do parón pola pandemia.
Arredor das once será a tradicional petición de permiso en verso do fulión ao pobo visitado. Tras o plácet, comezará a ronda co telúrico toque de bombos, sachos, gadañas e cornas, acompasado coas chocas da Mázcaras ao danzar. Despois, darase paso á representación da fuliada propiamente dita, con representacións satíricas en verso e disputas relativas a temas do acontecido no último ano na aldea ou no mundo.
Fotos: Carlos G. Hervella.