CulturaCulturaÚltima hora

VIII Festival das Artes Escénicas de Riós, o 13 e 14 de agosto

Roberto Verino e María do Ceo apadriñarán dous castiñeiros na “Ruta do Talento” e Mercedes Peón recibirá a “Castaña de Cristal”
Presentación do VIII Festival da Artes Escénicas de Riós.
Presentación do VIII Festival da Artes Escénicas de Riós.

A praza do Concello e o souto de castiñeiros, serán os escenarios do VIII Festival das Artes Escénicas Abelardo Gabriel de Riós que se celebrarán os días 13 e 14 de agosto como unha “aposta pola cultura no rural galego que, tras oito edicións e durante dous días, converte ao municipio no referente cultural da provincia” en palabras do director, Rubén Riós, quen salienta a unión de castañeiras, labregas, actores, artistas e modistos para apostar polo ámbito das artes escénicas e audiovisuais. O propio Riós, acompañado polo director cultural da Deputación de Ourense, César Fernández Gile, a artista homenaxeada coa “Castaña de Cristal”, Mercedes Peón e unha das protagonistas do bautizo de castiñeiros María do Ceo, presentaban o festival en Ourense, na mañá do 3 de agosto.

A primeira xornada do festival, o 13 de agosto, estará coma sempre centrada no cinema e a televisión, e a partires das 22h, haberá varias proxeccións, entre elas a do documental “Mil Sorrisos & un perdón” e o avance de “Vida” e “Máis ca Vida”.

O xoves 14 de agosto será unha xornada “marcada pola emotividade, o humor, a tradición e a gastronomía” din dende a organización. Prececida por actividades infantís para os máis pequenos, a partires das 12h. comezará “A Ruta do Talento”, trazando un percorrido ao longo de castiñeiros milenarios que nesta edición reciben novo padriño e madriña: o deseñador Roberto Verino e a cantante María do Ceo. O acto será conducido polo xornalista Terio Carrera e contará coa actuación da Banda de Gaitas de Riós e o Mago Marco.

E xa pola noite, a partires das 22h. celebrarase a VIII Gala das Artes Escénicas que será presentada por Inma Morandeira. O humor chegará da man dos monólogos de David Perdomo, para dar paso á música de Mercedes Peón, María do Ceo, Najla Shami, Gustavo Almeida, Habitación Vudú, a Coral Cantarela e Pandereteiras de Riós. En torno ás 23:15h. farase entrega da “Castaña de Cristal” á artista Mercedes Peón, quen pechará a gala coa súa actuación, aínda que a festa aínda se prolongará coa actuación da orquestra Charleston Big Band e a Zumba&Salsa de EDSON.

Como novidade, e tal como adiantaron na presentación, esta oitava edición do festival de Riós introduce o “Gastroñam”, un xantar no que os asistentes poderán degustar produtos 100% galegos e de calidade composto por: tosta con crema de castaña e embutido e arroz con androlla. De postre empanada de mazá e bico de xeado de vainilla.

Artigos relacionados

Back to top button