ConcellosÚltima horaVilariño de Conso

Vilariño de Conso súmase ao programa Carné Xove

Ofrecerá a gratuidade para as actividades deportivas ou de ocio promovidas polo Concello, así como no acceso a pavillóns e museos municipais para os mozos que sexan titulares da tarxeta

A alcaldesa de Vilariño de Conso coa directora xeral de Xuventude.

 

O Concello de Vilariño de Conso vén de incorporarse ao programa Carné Xove da Xunta de Galicia como entidade colaboradora, asumindo un compromiso de gratuidade para as actividades deportivas ou de ocio promovidas polo Concello, así como no acceso a pavillóns e museos municipais para os mozos que sexan titulares da tarxeta.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asinou o acordo coa alcaldesa do municipio, Melisa Macía. Coa adhesión deste municipio a iniciativa da Xunta, á que xa hai máis de 1.000 establecementos adheridos, segue a medrar.

A finalidade do Carné Xove é facilitar á xente nova de entre 12 e 30 anos, mediante a colaboración dos establecementos adheridos ao programa, o acceso a diferentes servizos mediante descontos e outras vantaxes. Os beneficios abranguen, entre outros ámbitos, a cultura, o aloxamento, transportes, comercio e o ensino.

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado ofrece tamén aos titulares unha serie de vantaxes e servizos entre os que se inclúen descontos nos seus programas e actividades. Así, ofrece rebaixas de ata un 25 % nas cotas da Campaña de Verán (campamentos, intercambios, campos de traballo ou actividades).

 

Novidades do Carné Xove

Antes, a expedición do Carné Xove estaba suxeita ao pagamento dunha taxa de 6 euros e tiña unha vixencia máxima de dous anos. Dentro das novidades que está a implementar a Xunta de Galicia contémplase a expedición gratuíta e unha vixencia permanente, sen necesidade de renovación, ata que o usuario cumpra os 31 anos.

Ademais, a tarxeta enviarase de xeito gratuíto ao domicilio dos mozos e mozas de entre 12 e 30 anos. De todos os xeitos, é preciso recordar que a activación debe facerse de xeito presencial nos servizos provinciais de Xuventude, o Centro Coordinador de Información Xuvenil, os Espazos Xove e as Oficinas de Información Xuvenil dos concellos autorizados.

Así mesmo, está tamén prevista a posta en marcha dunha aplicación móbil do programa que permitirá, entre outras funcionalidades, xeolocalizar os establecementos adheridos e coñecer os descontos que aplican, ademais de acceder ás novas da iniciativa.

Artigos relacionados

Back to top button