EconomíaEconomíaÚltima hora

Voluntarios de Xacobeando coñecen o proxecto apícola de O Marquesado, na Serra da Enciña da Lastra (Rubiá)

 

Un grupo do programa Xacobeando, iniciativa promovida pola Xunta para promover a solidariedade no camiño de Santiago, achegábase ao Parque Natural Serra da Enciña da Lastra (Rubiá), para coñecer o proxecto de O Marquesado – Apicultores desde 1896. O grupo de mozos de diferentes países valorou positivamente os esforzos da empresa situada en O Porto (Rubiá), por compartir accións sostibles e de economía circular. “Destacaron a excelente calidade do mel que cataron durante a súa visita. O intercambio foi beneficioso para ambas as partes”, explican os responsables desta firma.

“Estas persoas mozas comprometidas enriquécennos e merecen unha hospitalidade esmerada. Van compartir as súas experiencias en todo o mundo, converténdose nos nosos embaixadores”, din os apicultores Jens e Antonia, e engaden que “os valores que se promoven desde este proxecto encaixan perfectamente nos obxectivos de desenvolvemento sostible (os ODS e a Axenda 2030) cara a unha economía limpa, sa, segura e máis resiliente. Son os valores que recompilamos na “Apisofía” para a marca O Marquesado”.

Jens e Antonia aproveitaron este intercambio para presentar a súa tradición familiar de apicultores en 5ª xeración, e dar a coñecer o traballo da súa empresa Manufacturas Partner SL, que se dedica a crear, desenvolver, comercializar e internacionalizar outras marcas no sector alimentario. Comentaban que son “iniciadores e promotores do apiturismo en Valdeorras”. Os visitantes das súas instalacións son de todas as idades e veñen de todo o mundo.

A empresa apoia proxectos como o de Xacobeando, pero tamén quere aproveitar a ocasión para agradecer o bo traballo das Oficinas de Turismo valdeorresas e da Ruta do Viño de Valdeorras e tamén “o esmerado esforzo os mozos que reciben os visitantes no centro interpretativo do Parque Natural Serra da Enciña da Lastra. Todos xuntos facemos que Valdeorras gañe máis e máis fama a nivel internacional”, conclúen.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button