A RúaConcellosÚltima hora

Xa está incorporado o novo secretario interino do Concello da Rúa

Fachada do Concello da rúa. /Foto: Mónica G. Bellver.

 

Dende o inicio da pandemia, en marzo de 2020, levaba o Concello da Rúa sen secretario oficial. Unha praza que por fin se cubría na xornada de onte, 3 de marzo, coa incorporación do novo secretario interino.

Desta incorporación informaba o alcalde rues, Álvaro Fernández, á corporación municipal no pleno celebrado o pasado martes ás 11 da mañá. “Precisamente a falta de secretario foi o motivo polo que non se celebrou o pleno en xaneiro e este celebrámolo en martes en lugar de luns, e de mañá en lugar de tarde, xa que tivemos que pedir un secretario da Deputación que non podía vir noutro momento”, asegura o rexedor.

El mesmo explica que foi xusto antes da entrada en vigor do estado de alarma cando o anterior secretario se trasladaba, sendo o tesoureiro da Rúa, Jesús Rodríguez, quen ocupaba o seu posto realizando dende entón as funcións de secretario accidental. Así o facía ata que o 4 de xaneiro poñíase de baixa, quedando o Concello sen secretario co cal aumentou a carga de traballo para o resto de persoal e mesmo dos concelleiros.

No pleno celebrado este martes, o alcalde asegurou aos grupos políticos que “o primeiro traballo do novo secretario unha vez que se posicionara, sería darlles toda documentación atrasada, polo que lle pedimos que especificaran o que lles falte e niso se porá de xeito inmediato, salvo urxencias”.

 

Artigos relacionados

Back to top button